Denuncian que un éxito musical en TikTok parte dunha clonación de voz mediante IA

luns, 1 de decembro do 2025 Redacción

I Run tivo unha ampla repercusión en TikTok

Nas últimas semanas fíxose viral en TikTok un tema titulado I Run dun grupo británico chamado Haven, creando bastante expectación sobre quen estaba detrás de tal creación, especialmente porque o público parecía recoñecer a voz do tema como a da cantante Jorja Smith, o que levou á súa discográfica, FAMM, a reclamar unha parte dos dereitos de autor ao considerar que foi creado empregando unha clonación da voz da artista mediante intelixencia artificial.
A canción chegou a encamiñarse cara ás listas oficiais do Reino Unido e dos Estados Unidos, pero foi retirada das plataformas de streaming tras as denuncias de organismos da industria que alegaban unha violación de dereitos de autor por imitación de outra artista. Posteriormente, Haven relanzou o tema con novas voces, aínda que FAMM sostén que tanto a primeira como a segunda versión infrinxen os dereitos de Jorja Smith e dos seus colaboradores, e aseguran que están a dar visibilidade ao asunto porque queren provocar un debate público.
Os produtores Harrison Walker e Jacob Donaghue recoñeceron o uso de software de xeración musical, concretamente Suno, para manipular a voz orixinal de Walker e darlle un timbre feminino. Defenden, con todo, que tanto a composición como a produción son obra súa e que o recurso á intelixencia artificial forma parte das ferramentas creativas dispoñibles. Suno, pola súa parte, admitiu que o seu sistema foi adestrado con obras protexidas por dereitos, amparándose na doutrina do fair use, aínda que non se sabe se o catálogo de Smith formou parte dese proceso.
FAMM advertiu que o caso transcende a figura da cantante e representa un precedente para toda a industria musical. Nun comunicado, sinalou que os fans foron inducidos a erro e que non se pode permitir que esta práctica se converta na norma. A discográfica tamén subliñou que, de obter unha parte dos dereitos de autor, repartiría proporcionalmente os beneficios cos coautores das cancións de Smith, ao entender que o modelo de intelixencia artificial se nutriu do seu catálogo.
O caso de Haven e Jorja Smith resulta interesante para avaliar os límites legais e éticos da creación musical no contexto da intelixencia artificial, nunha industria que observa con preocupación como a tecnoloxía avanza a un ritmo superior ao da regulación.