A Deputación de Lugo quere converter Os Ancares e O Courel en potencias de turismo científico e innovador

luns, 15 de outubro do 2018 Redacción

A Deputación de Lugo quere converter a montaña, cos seus incalculábeis valores medio ambientais e etnográficos, en espazos (tamén) de incalculábel valor investigador e innovador. Así o certificaron hoxe o deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, xunto ao vicepresidente da entidade provincial, Argelio Fernández Queipo, na presentación do que sería o primeiro proxecto de turismo científico dos Ancares-Courel, incluído no Plan Estratéxico de Turismo da Provincia de Lugo (2017-2020).
O acto celebrouse en Cervantes, ante a presenza de representantes de 17 concellos, da Universidade da Santiago USC e dos colectivos veciñais e entidades que participarán no impulso e desenvolvemento desta iniciativa pública da Deputación.
Segundo lembraron no acto de hoxe, o proxecto busca pór en valor os recursos científicos para desenvolver económica e socialmente a provincia a través do turismo. O seu centro de operacións terá a cifra nada desprezábel de 102.635 hectáreas, o que converte o plan turístico-científico no proxecto da súa índole coa maior zona de estudo de Galicia.
Máis en detalle, abrangue os municipios de Navia de Suarna, Cervantes, Becerreá, As Nogais, Triacastela, Pedrafita do Cebreiro, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, Baleira, Ribeira de Piquín, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz.
O proxecto inclúe dous apartados, un de certificación, que comeza de xeito inmediato; e outro de desenvolvemento de actividades específicas no territorio. A primeira fase implica un amplo estudo sobre as potencialidades turístico- científicas que contará coa participación directa de expertos da Universidade de Santiago de Compostela, así como dos concellos implicados, colectivos sociais do territorio e entidades. Arranca agora en outubro e prolongarase até decembro.
Pola súa banda, a fase de desenvolvemento de actividades específicas contará cunha serie de actuacións concretas a desenvolver (tamén) coa participación de todos os axentes implicados na fase de certificación. Incluiranse roteiros, conferencias ou xornadas de bioloxía, micoloxía, xeoloxía ou botánica, entre outros. Estarán dirixidas á cidadanía en xeral ou a profesionais do sector.

PUBLICIDADE