Descargar contidos e facer novas amizades; o que máis lles gusta ós internautas

xoves, 8 de marzo do 2007 Raquel Noya

Segundo a novena Enquisa a Usuarios de Internet, realizada pola Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación (AIMC), descargar películas, series de televisión ou música (e máis películas e máis series e máis e máis música) é o que maioritariamente fan os internautas pola Rede (máis da metade dos usuarios de Internet) aínda que isto non significa que tamén a empreguen (de cando en vez) para consultar información, adquirir coñecemento, mercar entradas, traballar (?), planificar viaxes, mirar a carteleira do cine ou incluso (o máis interesante) facer novas amizades.
Isto último, segundo o informe Navegantes na rede elaborado entre outubro e decembro de 2006 pola Asociación de Internautas e recollido por OTR/Press, sorprende sobre todo pola cantidade de usuarios da Rede que afirman ter feito novas relacións persoais por ese vieiro. En concreto, ata un 41,1 por cento do total de enquisados (sobre unha mostra de 49.418), fixeron amizades grazas á rede de redes e mesmo a meirande parte deles aseguran ter chegado alén dunha sinxela amizade (de aí o termo “Cibermozos”, tan de moda agora).
Do total que sostén ter coñecido xente grazas a Internet, un 60,3 por cento levou a relación “fóra da Rede” (foi entón cando se decataron de que os respectivos non tiñan nada que ver co que dicían ser) mentres que un 39,7 % mantéñena en liña e non chegan a coñecerse en persoa (é o malo que ten ser de Cuenca e coñecer a un de Monforte).
Non é de estrañar pois, que o crecemento de Internet en España (segundo datos do mesmo estudo) sexa de un millón de persoas ó ano.

PUBLICIDADE