Descende o uso do galego nas comunicacións empresariais

mércores, 18 de outubro do 2023 S. P.

Valentín García, Rosario Álvarez e Bernardo Pernabade na inauguración

Máis conciencia sobre a importancia do galego na comunicación empresarial pero menos presenza da lingua. Este paradoxo é unha das grandes conclusións da XXV edición do Encontros para a Normalización Lingüística que organizou este martes 17 de outubro o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG). Na xornada o investigador da Universidade de Santiago (USC) Miguel Guisantes sinalou que entre 2003 e 2018 descendeu un 17% o número de persoas que falaban sempre en galego cos compañeiros e un 12,3% coa clientela. Isto é aplicábel tamén ao ámbito tecnolóxico.
A presidenta da institución, Rosario Álvarez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacaron na inauguración a importancia deste foro, que este ano puxo o foco no ámbito socioeconómico, un eido no que, pese as medidas adoptadas, estase a reducir o uso da lingua.
No transcurso do encontro, o investigador Guisantes fixo un percorrido pola situación da lingua galega no sector económico ao fío do Plan de Dinamización da Lingua Galega no eido económico. Na súa opinión, “é crucial coñecer a situación, para poder actuar”. Explicou tamén que no período que vai de 2016 a 2020 leváronse a cabo un centenar de medidas co obxectivo de crear conciencia de que o galego pode favorecer as relacións laborais, comerciais e bancarias, así como estender e fomentar o seu uso. Na exposición, Guisantes afirmou que o “Plan está traballado parcialmente, pero está infrautilizado; ademais ten unhas actuacións pouco claras sen relacionar coas medidas”. Tamén destacou que hai “avances tímidos”, aínda que as cifras non son moi positivas. Na gráfica amosada na súa intervención, destacou que descendeu un 17% o uso do galego entre os compañeiros de traballo; un 17,3% entre o persoal ao seu cargo; un 12,1% entre os traballadores e os seus superiores e un 12,3% coa clientela. Como remate ofreceu un decálogo de recomendacións para contribuír a mellorar a situación.
Deseguido, falaron dos dereitos dos consumidores. Sara Seco, da Mesa pola Normalización Lingüística, explicou como resolver as queixas máis habituais. “Escoller a lingua na que se redacta unha póliza está regulado desde o ano 1980 na Lei de contrato seguro”, comentou, ao tempo que afirmou que tamén se poden escoller as linguas nos procedementos nas notarías, “segundo se recolle na lei de procedemento administrativo”. Ademais, deu cifras da aplicación A liña do galego que ten a Mesa, que en 2022 tramitou 1.048 expedientes: a metade foron consultas e 469 foron queixas. Completou o panorama Xosé Antón Pérez Lema, que debullou o contexto normativo.
Pola tarde, foi o sector o que explicou en primeira persoa cal é a súa relación co idioma. "A política lingüística de Deleite é natural e activa", resumiu Pedro González Boquete, o director executivo de Leite Noso, empresa que emprega o galego nas súas comunicacións internas e externas e que ten entre as débedas pendentes “os contratos de distribución e os contratos que temos cos gandeiros".
"A nosa política lingüística é aberta. Son os clientes os que deciden o idioma de relación coa caixa e os nosos sistemas están preparados para atendelos en galego", asegurou Jesús Antonio Méndez Álvarez-Cedrón, director xeral da Caixa Rural Galega. Esta entidade ofrece todos os contratos traducidos, o que lle permite potenciar a lingua e reforzar a propia estratexia empresarial. Engadiu que "somos un actor financeiro local de moita referencia nas nosas zonas de actividade. Non tería sentido procurar o desenvolvemento económico desas áreas e non ter a posibilidade dunha relación comercial en galego”.
Xosé Lois Lamazares, responsable de Daveiga, empresa que fai as galletas Mariñeiras, reivindicou a lingua galega e o seu vínculo natural ao proxecto. "O feito de comunicar e transmitir en galego, na Galiza, é unha aposta polo país, unha mostra de compromiso e respecto cara ás consumidoras", afirmou. Animou a outros emprendedores a empregar o galego como primeiro idioma de comunicación porque “son todo vantaxes” malia que "fóra non ten tanto poder pero tampouco estorba”. Como vén sendo habitual, os Encontros remataron cun espectáculo, que neste caso foi o do Mago Teto.
Os Encontros para a Normalización Lingüística
Os Encontros para a Normalización Lingüística naceron como un foro dedicado á información e á reflexión sobre a situación da lingua galega, un lugar de intercambio de experiencias e presentación de proxectos, de elaboración e lanzamento de propostas de futuro. Un espazo aberto á pluralidade, á construción colectiva, ao interese e respecto por todas as voces. Neste cuarto de século abordaron a normalización do idioma desde diferentes ámbitos: o deporte, como ferramenta de cohesión social, a mocidade ou a comunicación, entre outros.

PUBLICIDADE