Descobren un par de áreas secretas en LEGO Dimensions

martes, 17 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Parece que os xogadores españois temos mala sorte co xogo LEGO Dimensions, xa que, pese a levar preto de dous meses á venda, continúa sen estar dispoñible no noso mercado, de xeito que hai que recorrer á importación inglesa para facerse cun título que está a converterse en toda unha xoia, xa que, aparte de contar cun grande catálogo de figuras (con personaxes de Regreso ao Futuro, os Simpson, o Universo DC e outras franquías), está a ter contidos dentro do xogo que causan bastante admiración, como a última sorpresa que veñen de desvelar: ao xogar a LEGO Dimensions coa expansión do Dr. Who é posible viaxar a un par de escenarios sorpresa dende o escenario dos Simpson.
A sorpresa é moi curiosa, xa que ao viaxar ao pasado dende o escenario dos Simpson iriamos a pasar ao mundo dos Picapedra, e se facemos o propio co futuro, o escenario corresponderíase co dos Supersónicos, ou sexa, que enlazaríanse as tres grandes familias da animación que foron todo un referente en cadanseu momento.
Loxicamente este tipo de sorpresas non están no xogo por accidente, senón que claramente buscan que usuarios que queiran gozar destas áreas secretas teñan que facerse con varios kits de expansión, xa que habería que contar coa TARDIS do Dr. Who e unha figura dos Simpson para poder desbloquear os escenarios que permiten atopar estes ovos de Pascua. Dado que aínda quedan moitas expansións do xogo por chegar ao mercado é de agardar que nos vindeiros meses vaian vendo a luz outras sorpresas dentro deste título para consolas de videoxogo que por desgraza só pode xogarse en inglés.

Vídeo no que podemos ver a área do Picapedra

Vídeo no que podemos ver a área do Supersónicos

PUBLICIDADE