Desenvolvedores galegos participantes na FOSDEM compartirán a súa experiencia en A Industriosa

luns, 10 de marzo do 2025 S. P.

O evento FOSDEM (Free and Open Source Software Developers’ European Meeting) que se celebra dende hai cinco lustros en Bruxelas (e que é unha das citas máis relevantes sobre proxectos de código aberto de cantas se celebran no mundo e que na súa última edición reunión máis de 8.000 persoas cun programa de arredor de 1.000 charlas), foi ser tamén un evento galego.
Isto foi posíbel grazas á participación este ano dun notábel equipo de desenvolvedores galegos, abandeirados do software libre e das tecnoloxías participativas e argalleiras que van poder contar a súa experiencia en A Industriosa (Vigo), onde terán a oportunidade de mostrar cadanseus traballos locais e, tamén, globais. A cita será o 22 de marzo en horario de mañá, de 10.00 a 13.30 horas, na sede do laboratorio tecnolóxico cidadán A Industriosa no 38 da avenida Gregorio Espino de Vigo. A entrada é de balde, pero é necesario rexistrarse en Meetup para reservar a praza.
A xornada contará coa participación de José María Casanova (Igalia), que falará de Optimización do motor de gráficos da Raspberry Pi; David de la Iglesia (Mozilla), que debullará a cuestión da Blueprint: ferramenta para desenvolver IA de código aberto; Sam Thursfield (Codethink), que introducirá aos presentes no Testing automatizado en distribucións Linux; Santiago Saavedra (GPUL A Coruña), que falará de Desenvolvemento dun cargador intelixente para vehículos eléctricos; e de Xabier Crespo (SC Robotics), que achegará o relatorio Impacto das novas linguaxes de programación nos sistemas con menos recursos.
Será, en palabras de A Industriosa, unha “gran oportunidade de coñecer de primeira man o que presentaron estes desenvolvedores os pasados 1 e 2 de febreiro nun dos eventos máis importantes do mundo sobre software libre e código aberto”.