Despedimento fulgurante por unha mostra de odio en Facebook

martes, 5 de setembro do 2017 Marcus Fernández

As crises de reputación nas redes sociais son un problema cada día maior, no que unha empresa pode resultar moi mal parada se non toma medidas con certa axilidade, e durante a xornada de hoxe resultou abraiante o rápida que foi a resposta da empresa de taxación inmobiliaria Tinsa España, que a poucas horas de ter coñecemento a través das redes sociais de que o pasado día 3 unha das súas traballadoras temporais realizou uns polémicos comentarios contra Inés Arrimadas, presidenta do Grupo Parlamentario de Ciudadanos no Parlamento de Cataluña, optou por expresar a súa repulsa aos comentarios e publicaron un comunicado dando conta do cesamento da relación profesional coa autora dos mesmos.
Os comentarios da polémica non foron para menos, xa que Rosa María Miras i Puigpinós, tras ver a intervención de Arrimadas nun debate en Telecinco desexoulle publicamente «que cando saia esta noite a violen en grupo porque non merece outra cousa semellante cadela noxenta», o que provocou a denuncia por parte de Arrimadas, o que levou a varios internautas a identificar á autora da mensaxe de odio, de xeito que sóubose do seu actual posto de traballo e iniciouse unha campaña na Rede na que informábase á compañía dos comentarios de quen nese momento traballaba no seu departamento de atención ao cliente a través dunha ETT.
Aínda que é probable que esta historia continúe nos xulgados (de ter formalizado a denuncia Inés Arrimadas) é especialmente rechamante ver como un linchamento dixital provocou un despedimento en pouco máis de 3 horas, deixando claro que algunhas empresas entenden o dano que pode facer a asociación da súa marca a condutas censurables (e posiblemente delituosas).

PUBLICIDADE