Despega a quinta edición do festival galego de webseries, o Carballo Interplay
luns, 2 de abril do 2018
Esta semana celébrase
en Carballo a nova edición (a quinta) do festival
Interplay de webseries, referente galego, estatal e
internacional en materia de contidos dixitais e en todas as cousas
que teñen que ver co audiovisual e a súa confluencia cos novos
xeitos tecnolóxicos de facelo, distribuílo e, por suposto, velo. O
certame, que non as proxeccións, comezou xa hoxe, coa presentación
do mesmo e coa posta en marcha do Campamento Kamikaze, que converte a
praia de Razo nun innovador e dinámico encontro de creadoras e
creadores. O Carballo Interplay, que durará até este sábado 7 de
abril, abranguerá tamén unha sección oficial con webseries de
todo o mundo, xuntanzas, obradoiros, concretos, debates ou vídeo
conferencias. A
cita foi dada a coñecer polo alcalde de Carballo, Evencio Ferreiro,
que enxalzou o potencial do certame para situar Carballo no mundo.
E tamén “para poñer o mundo en Carballo”.
Na rolda tamén
participou o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira,
que salientou “a perspectiva de xénero que ten o evento” e como
este foi concibido (este ano máis ca nunca) para “reivindicar a
figura da muller na Historia”, abranguendo a historia da tecnoloxía
e da innovación. Esta vontade de visualizar o pulo creativo feminino
percíbese en múltiples dos elementos que acompañan esta edición,
por exemplo a imaxe gráfica do Interplay ou o propio programa da
gala de clausura, que presentará a actriz e cómica Akira Valero co
título Mulleres e tecnoloxía: unha unión imposíbel? A
idea, segundo sinalou o edil, é reivindicar a figura de creadoras e
investigadoras fundamentais para o audiovisual e as invencións
técnicas que son habitualmente ignoradas: Hedy Lamarr (precursora da
tecnoloxía móbil, GPS e Wi-Fi), Ada Lovelace (matemática e
escritora británica), Alice Guy (primeira persoa en dirixir un filme
de ficción), Ángela Ruiz Robles (inventora do e-book), Delia
Derbyshire (pioneira da música electrónica), Margaret Hamilton
(científica computacional, matemática e enxeñeira), Radia Perlman
(percursora de Internet), Mary Allen Wilkes (enxeñeira
programadora), Susan Kare (pioneira no deseño de interfaces de
usuario) e Agnès Varda (cineasta cunha carreira dende a Nouvelle
Vague ata a autoficción dixital).
Na cita cos medios
tamén interveu Sonia Méndez, directora do festival, quen fixo un
percorrido polo roteiro do programa do Interplay, que arrancou hoxe
co Campamento Kamikaze, cuxo resultado, por certo, poderá verse con
formato de webserie esta cuarta feira (mércores) ás 20.30
horas no auditorio do Pazo de Cultura. O día seguinte, 5 de abril,
celebrarase unha xuntanza para profesionais (Día Pro) na que estarán
presentes (partillando coñecemento e propostas) directivos e
directivas de PlayZ (RTVE), Flooxer (Atresmedia), MTMAD (Mediaset),
CRTVG, Vice, Globomedia, 2btube, Hitsbook ou Infomix. Os responsábeis
destas compañías participarán nun networking con
profesionais acreditados no que terán ocasión de coñecer máis de
32 proxectos.
María Yáñez,
coordinadora de actividades do festival, destacou os esforzos do
evento para pór en valor contidos da nosa terra, salientando o
Premio a proxecto de webserie en galego, que o ano pasado
gañou Hai vida en Bran?, a creación de Ángela Andrada
cuxa estrea pechará a xornada do 5 de abril, xusto despois de que as
propostas finalistas deste ano defendan os seus proxectos.
42 webseries
Até
42 webseries de todo o mundo compiten finalmente na sección
oficial da quinta edición do Festival
de contidos dixitais Carballo Interplay, que repartirá máis de
5.000 euros en premios. Así nolo contaron os días pasados as
principais impulsoras do certame, Sonia Méndez e Sandra Lesta, xunto
co Concelo de Carballo, engadindo que a quinta edición do concurso
elixiu (entre máis de 250 propostas chegadas de todo o mundo) un
total de 3 propostas galegas e en galego, 12 do resto do ámbito
estatal e 27 do resto do mundo.
Noutras
palabras: os que acudamos ao festival, teremos a sorte e o privilexio
de ver, dende o corazón de Bergantiños, achegas audiovisuais
innovadoras (por formato, por contido) de Arxentina, Australia,
Canadá, Chile, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Holanda, Italia,
Líbano, México, Nova Zelanda, Reino Unido, Suíza, Uruguai e, por
suposto, España.
Cada
unha das tres categorías repartirá 800 euros en premios. O xurado
do certame estará composto polo guionista e realizador Carlo Padial,
a crítica Desirée de Fez, o xornalista Iago Fernández, a actriz
María Tasende, o guionista Óscar Cruz e a directora Anxos Fazáns.
Ademais, o público decidirá cos seus votos (entre todas as
contribucións) un premio de 400 euros e, por vez primeira nesta
edición, un xurado novo entregará outro premio de 400 euros.
Conforman este xurado a youtubeira Nuria Espasandín, o músico
Cristian Andrade a ilustradora Laura Tova e o picadiscos e
programador do Xiria Pop Maikel Pérez.