Despiden a un enxeñeiro de Apple por permitir que a súa filla gravase un vídeo do iPhone X

luns, 30 de outubro do 2017 Marcus Fernández

JPEG - 73.9 KB
Brooke Peterson amosando o iPhone X nun Caffé Macs do campus de Apple

Nos últimos días sorprendeu en YouTube un vídeo dunha rapaza chamada Brooke Peterson visitando o campus de Apple, onde traballa seu pai. Alí podemos ver como visitan un Caffé Macs, onde pagan a consumición co iPhone X e a moza fai toda unha demostración do funcionamento do smartphone que aínda non saíu á venda, o que fixo que o vídeo rematase converténdose en viral.
As consecuencias desta ousadía non se fixeron esperar, e non só Apple denunciou o vídeo que foi retirado de YouTube (aínda que actualmente hai outra copia do mesma circulando), senón que tamén despediu ao pai da rapaza por violar as normas da compañía ao permitir a divulgación de detalles do iPhone X antes do seu lanzamento.
A youtubeira di que todo «foi un erro inocente», e asegura que seguirá a mercar produtos da compañía da mazá e incluso que o seu pai non garda rancor por Apple, pois entende que cometeron un erro. De feito, non só está prohibido divulgar información de produtos non comercializados (especialmente no caso de unidades de empregados, que poden incluír numerosa información confidencial), senón que incluso está prohibido gravar vídeo en todo o campus de Apple, de aí que tivesen que tomar medidas drásticas para que non se entenda que a compañía é flexible coas súas propias normas e pode xustificar a imprudencia dos seus traballadores.

JPEG - 66.1 KB
A youtubeira asegura estar sorprendida pola viralidade acadada polo seu vídeo

PUBLICIDADE