Destaca o número de spin-offs galegas especializadas en tecnoloxías profundas
martes, 20 de xaneiro do 2026
A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, subliñou hoxe que a ciencia que se xera en Galicia “está comezando a transformarse en empresas, en solucións e en impacto real para a sociedade”, ao tempo que salientou que a comunidade ocupa “unha posición destacada a nivel estatal” na creación de empresas de tecnoloxías profundas. Ámbitos como a cuántica ou a intelixencia artificial forman parte desta especialización, recollida como prioridade no Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.
Cotelo fixo estas declaracións no acto de presentación do informe O ecosistema de spin-offs deep tech en España 2025, promovido pola Fundación Mobile World Capital Barcelona e a Universidade de Santiago de Compostela.
O estudo analiza as empresas emerxentes de tecnoloxía profunda xurdidas en España a partir da investigación e conclúe que Galicia concentra o 5,2 % das spin-offs deep tech activas no conxunto do Estado. Esta cifra sitúa a comunidade na sexta posición entre as autonomías, só por detrás de Cataluña e Madrid —que entre ambas reúnen máis da metade das iniciativas—, así como da Comunidade Valenciana, Andalucía e o País Vasco.
O informe destaca tamén o papel das universidades como principal orixe destas empresas, por diante dos centros de investigación, os institutos de investigación sanitaria e os centros tecnolóxicos. Neste contexto, a Universidade de Santiago de Compostela figura entre as cinco entidades estatais que máis spin-offs deste tipo impulsaron. En canto aos ámbitos de actividade, en Galicia sobresaen especialmente a biotecnoloxía e as TIC. O documento recoñece, ademais, o papel da Axencia Galega de Innovación como organismo autonómico impulsor de programas de apoio a estas iniciativas empresariais.
Apoio á transferencia de coñecemento
Durante a súa intervención, Carmen Cotelo lembrou que o informe identifica como principal desafío “xa non xerar coñecemento, senón transformalo en impacto económico e social”. Para iso, sinalou a necesidade de que máis proxectos consigan medrar, atraer capital especializado, reforzar a conexión coa industria tractora e acceder a mercados internacionais.
Neste ámbito, a Xunta de Galicia conta co programa Ignicia, unha iniciativa pioneira que desde 2016 apoiou 41 proxectos procedentes de universidades, centros de investigación, fundacións de investigación sanitaria e centros tecnolóxicos. Deles, 14 xa chegaron ao mercado: once constituíronse como spin-offs, que xeran máis de 150 empregos, e tres materializáronse en acordos coa industria para a comercialización dos resultados acadados.
Na actualidade, o programa Ignicia mantén nove proxectos en desenvolvemento e prevese que se vexa reforzado proximamente con novas medidas orientadas a impulsar de maneira activa a creación e o crecemento de novas start-ups.
