Destiny 2 anuncia a súa despedida

venres, 22 de maio do 2026 Redacción

O estudio de videoxogos Bungie anunciou o remate do desenvolvemento activo de Destiny 2, que recibirá a súa derradeira grande actualización o vindeiro 9 de xuño baixo o nome de Monument of Triumph. O xogo continuará operativo e accesible para os usuarios, nun modelo semellante ao do primeiro Destiny, pero o estudio deixará atrás o formato de servizo continuo que definiu a franquía durante a última década.
A decisión chega despois da expansión The Final Shape e supón un punto e final para unha das experiencias multixogador máis influentes da industria recente. Nunha longa mensaxe publicada por Bungie, o equipo asegura que chegou «o momento de que os nosos mundos compartidos e Destiny vivan máis alá de Destiny 2», ao tempo que confirma que o estudio centrará os seus esforzos en novos proxectos aínda sen anunciar.
A actualización final incluirá unha ampla recompilación de contidos e melloras pensadas como homenaxe á historia do xogo. Recuperaranse actividades clásicas, recompensas históricas e modos moi demandados pola comunidade, incluíndo o regreso permanente da Sparrow Racing League, a competición de carreiras con vehículos da primeira etapa da franquía. Tamén haberá unha nova versión de Pantheon, revisións completas do equipamento de raids e calabozos, actualizacións do sistema de habilidades e unha profunda reorganización da interface principal do xogo.
O evento Monument of Triumph funcionará como unha celebración global da traxectoria de Destiny 2. Os xogadores poderán conseguir recompensas cosméticas, ornamentos e armaduras especiais mediante desafíos que abranguen contidos de toda a vida útil do título. Bungie tamén confirmou que todos os paquetes de expansión e contidos adicionais se agruparán nunha edición única chamada Destiny 2: The Collection.
A despedida chega nun momento complexo para Bungie desde a súa compra por parte de Sony en 2022 por 3.600 millóns de dólares. O estudio atravesou varios procesos de despedimentos e atrasos nos últimos anos, mentres Sony reducía progresivamente a súa aposta polos xogos como servizo.
Segundo información publicada por Bloomberg, Bungie estaría preparando unha nova vaga de despedimentos «significativa» tras o anuncio do final de Destiny 2. As informacións apuntan ademais a que actualmente non existiría un desenvolvemento activo de Destiny 3, malia que algúns equipos internos terían presentado propostas relacionadas coa franquía.
Mentres tanto, o estudio seguirá centrado en Marathon, o seu novo shooter multixogador lanzado este ano. A recepción do título foi máis discreta do esperado e Sony tería sufrido importantes perdas económicas asociadas ao seu rendemento comercial, o que incrementou a presión sobre o futuro inmediato de Bungie.