Desvelan as datas a partires das que teremos Apple TV+ e Apple Arcade

martes, 10 de setembro do 2019 Marcus Fernández

Antes de entrar a introducir novos produtos a presentación de hoxe de Apple quixo dar os detalles finais de dous servizos que están a ultimar (Apple TV+ e Apple Arcade) como son o seu prezo e a súa data de lanzamento, que eran as grandes incógnitas que quedaban sobre os mesmos.
Para comezar, a partires do 1 e novembro teremos Apple TV+ en máis de 100 países, ofrecendo un catálogo de películas, series e documentas entre as que destacan The Morning Show, Dickingson, See, For All Mankind, Snoopy In Space, Helpsters, Ghostwriter, Servant, Truth Be Told e The Elephant Queen, e que terá un prezo de 4,99 euros/mes tras 7 días de proba de balde, aínda que quen merque un iPhone, iPad, iPod touch, Mac ou Apple TV recibirá 1 ano do servizo de balde.
Os contidos poderán verse a través da aplicación Apple TV (dispoñible xa para dispositivos de Apple, e que no outono chegará a diferentes televisores e reprodutores de streaming), permitirán a descarga para a súa reprodución sen conexión e gozarán de imaxe 4K con HDR e son Dolby Atmos.
O outro servizo que confirma data de lanzamento é Apple Arcade, dispoñible a partires do 19 de setembro, e que mediante unha subscrición de 4,99 euros/mes (cun mes de proba de balde) ofrecerá acceso ilimitado a máis dun cento de xogos novos, compartir a subscrición con até 5 familiares, poder transferir as partidas entre dispositivos, xogar sen conexión e, especialmente, non ter que aturar publicidade nin correr o risco de compras adicionais dentro das aplicacións. Un servizo claramente enfocado ás familias que queren gozar do lecer electrónico sen preocupacións.

PUBLICIDADE