Desvelan como será o mando da PlayStation 5

mércores, 8 de abril do 2020 Marcus Fernández

Aínda que a aparencia externa da PlayStation 5 continúa a ser todo un misterio, dende Sony dan pistas de liña estética que podería seguir, xa que veñen de presentar o que será o seu novo mando sen fíos, que despréndese da marca DualShock e pasará a coñecerse como DualSense, nome que pretende pór o acento na tecnoloxía háptica integrada como evolución da vibración tradicional, prometendo unha sensación de xogo moi inmersiva.
O novo mando sorprende por optar principalmente pola cor branca, así como por ter una ergonomía que semella máis próxima á dos mandos de Xbox (o que dá a entender que será bastante máis confortable que os DualShock). Tamén incorpora gatillos adaptables nos botóns L2 e R2 (de xeito que notarase tensión real ao efectuar accións como cargar e disparar unha frecha), os gatillos mudan o seu ángulo para mellorar o agarre e incluso engaden un botón chamado Create que promete ofrecer novos xeitos para crear contido de xogo que compartir co mundo ou gozalo persoalmente (elemento do que darán máis detalles nos vindeiros meses).
Un detalle a salientar é que o mando DualSense integra unha matriz de micrófonos para que os xogadores non precisen de auriculares para poder conversar cos amigos, o que pode resultar moi práctico para unha conversa ocasional (para longas sesións de xogo os auriculares continúan a ser moi prácticos).
Durante os últimos meses chegou a rumorearse que o mando incorporaría unha pantalla táctil, pero finalmente o DualSense conformouse con manter o panel táctil que xa tiñan os mandos de consolas anteriores. Aos lados do panel táctil estará a barra de luz do mando, posición que posiblemente será menos molesta que a anterior (que en certas situacións provocaba reflexos na pantalla).
Haberá que agardar para coñecer a fondo este accesorio, do que pode resultar preocupante para algúns que sexa tan complexo, xa que podería indicar que terá un prezo bastante elevado, incrementando o prezo de adquisición da PlayStation 5 nos fogares nos que sexa habitual gozar do multixogador local.

PUBLICIDADE