Desvelan os Xogos con Gold do mes de xuño

martes, 26 de maio do 2020 Marcus Fernández

Os subscritores de pagamento de Xbox LIVE recibirán no mes de xuño 4 xogos bastante variados, que como vén a ser habitual son 2 para Xbox One e outros 2 para Xbox 360 (retrocompatibles con Xbox One). O xogo de Xbox One co que abren o mes os Xbox con Gold é Shantae and the Pirate’s Curse, aventura na que Shantae ten que unirse á malvada pirata Risky Boots para salvar Squin Land dunha maldición. Este xogo resulta especialmente atractivo para os que gozaron de Shantae Half-Genie Hero, título que formou parte dos Xogos con Gold en marzo.
O xogo de Xbox One que estará dispoñible a partir do 16 de xuño será Coffee Talk, un curioso simulador de conversas e preparacións de cafés nun bar.
Os xogos de Xbox 360 son de máis peso, comezando por Destroy All Humans! (título para a Xbox orixinal que incluso conta con melloras para Xbox One X) e rematando con frenético shoot’em up de desprazamento horizontal Sine Mora, considerado xa un clásico contemporáneo do seu xénero.

PUBLICIDADE