Desvélase a solución de realidade mixta máis ambiciosa do mercado

mércores, 20 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Tras a chegada de Oculus Rift, HTC Vive e PlayStation VR eran moitas as miradas que apuntaban a Magic Leap, unha compañía que leva traballando en segredo dende 2010 nunha solución do que agora dá en chamarse realidade mixta, que estímase que recibiu máis de 4.500 millóns de dólares en investimento de compañías como Google, JPMorgan ou Alibaba e conta co apoio de empresas como a Warner Bros., de aí que estean moi altas as expectativas desta tecnoloxía que hoxe amosou a patiña por debaixo da porta, desvelando o que será o Magic Leap One: Creator Edition.
Este primeiro produto de Magic Leap está dirixido a desenvolvedores e creadores (sendo tamén apto para early adopters), e comezará a distribuírse en 2018 a un prezo aínda non desvelado. Estará composto por un visor chamado Lightwear (deseñado para ser cómodo de levar durante horas, con tecnoloxía de mapeado do contorno de grande precisión e son espacial que conseguirá unhas experiencias que queren resultar naturais), un Control (mando que responde a xestos para poder interactuar cos elementos virtuais) e un accesorio chamado Lightpack (que sería o cerebro desta tecnoloxía, separado do casco para que resulte máis confortable).
Un dos elementos máis rechamantes de Magic Leap é que esta tecnoloxía non estaría baseada en pantallas situadas diante dos ollos, senón que as lentes proxectarían luz dixital en diferentes profundidades, conseguindo que os obxectos virtuais poidan coexistir co mundo real facendo crer ao cerebro que son reais (o que reduce considerablemente a fatiga de utilizar este tipo de tecnoloxías), o casco tamén conta con sensores que permiten que o sistema perciba o que temos diante recoñecendo mobles e outros obxectos, o sistema tamén rexistra o noso contorno de xeito persistente (de xeito que se situamos un televisor virtual nun punto, manterase alí ao longo do tempo), o seu sistema de son espacial somerxeramos no mundo virtual que se solapa co noso contorno e incluso innovará en interfaces de usuario pensando nun mundo tridimensional e non en pantallas planas.
Xa a primeiros de 2018 abrirase o acceso ao kit de desenvolvemento de software de Magic Leap, facilitando así ferramentas, documentación, recursos de formación e soporte para facilitar a introdución a esta tecnoloxía que poderá dar moito xogo aos creadores para permitir, por exemplo, e a web dea o salto ao mundo real (permitíndonos ver en 3D os obxectos que queremos mercar en liña), presentar pantallas de calquera tamaño ao noso redor (tanto para usos lúdicos como profesionais), facilitar novos xeitos de xogar, permitir a telepresenza para comunicarnos e colaborar con outros e, en definitiva, desatar a creatividade dos creadores.
O adianto desta tecnoloxía fíxose a través dunha reportaxe na revista Rolling Stone, onde o fundador de Magic Leap, Rony Abovitz, afonda no produto que, pese a poder parecer de xoguete, agocha no seu interior a potencia dun ordenador para gaming, integrando CPU, GPU, unidade de disco, Wi-Fi e outros elementos de electrónica propios dun ordenador persoal pois, de feito, estariamos ante un sistema de «informática espacial» e non unhas simples lentes con cámara.

PUBLICIDADE