Detallan as limitacións de Starlink como solución de banda larga universal

luns, 21 de xullo do 2025 Redacción

Starlink, o servizo de internet por satélite impulsado por Elon Musk, naceu como unha solución para levar conexión de alta velocidade a zonas rurais e remotas, onde a despregadura de fibra óptica ou redes móbiles resulta inviable ou extremadamente caro. Porén, unha nova análise elaborada polo experto en telecomunicacións Sascha Meinrath (entre outros) revela un paradoxo crucial: canto máis popular se volve Starlink nunha determinada zona, máis se degrada a calidade do servizo para todos os usuarios desa área.
Segundo o estudo, o problema xorde pola propia arquitectura da rede de satélites. Cada satélite Starlink cobre unha área duns 163 km² cunha capacidade limitada, especialmente no que atinxe á velocidade de subida. A análise estima que, se dentro dese espazo se concentran máis de 419 usuarios activos (é dicir, máis de 2,7 por quilómetro cadrado), o rendemento do servizo cae por baixo dos 100 Mbps de descarga e dos 20 Mbps de subida, polo que non debería considerarse banda larga.
Esta cifra, aparentemente modesta, revela unha das debilidades estruturais do modelo: cando moitos usuarios tentan usar simultaneamente o servizo dentro dun mesmo satélite, a rede satura e a calidade do acceso cae drasticamente. A consecuencia pode ser unha experiencia de acceso á Internet practicamente inutilizable, con cortes, altas latencias e velocidades moi por debaixo do anunciado.
Starlink é unha alternativa á fibra ou ás redes 5G ideal para nichos concretos (fogares illados, zonas rurais con baixa densidade de poboación, barcos, avións ou zonas de emerxencia) pero está lonxe de poder considerarse unha solución universal e escalable.
Os propios datos da compañía e análises independentes, como a publicada por Meinrath, indican que mesmo con melloras técnicas e lanzamentos constantes de novos satélites, a capacidade seguirá sendo limitada, especialmente na velocidade de subida (como tamén acontece coa boa parte das redes de banda larga tradicionais).