Detallan como será o lanzamento dos novos Nokia Lumia en España

mércores, 5 de decembro do 2012 Marcus Fernández

Os móbiles Nokia Lumia 620, 820 e 920 estarán dispoñibles de xeito libre en España na segunda metade de xaneiro

Aínda que os móbiles con Windows Phone 8 comezaron a chegar aos distintos mercados mundiais durante o mes de novembro, agardábase que en España puidésemos gozar dos terminais insignia do novo sistema operativo móbil de Microsoft, os Nokia Lumia, dende hai varias semanas, e parece que van facerse esperar, especialmente para adquirilos de xeito libre, segundo deuse a coñecer hoxe nunha presentación de Nokia en Madrid, na que detallaron que non será ata xaneiro cando poderemos adquirir sen vinculación con operadoras móbiles os terminais Nokia Lumia 920, 820 e 620 a prezos de 669, 449 e 269 euros respectivamente.
O primeiro destes móbiles en chegar a España será o Nokia Lumia 820, que comezará a vendelo Movistar a partir do vindeiro luns, aparecendo xa na súa páxina web, polo que podemos consultar os seus prezos segundo a tarifa que contratemos ao facernos con el, e que para boa parte dos usuarios correspondería ao pagamento de 24 mensualidades de 20 euros cada unha (aínda que tamén é susceptible de descontos por puntos e algún outro desconto).
O Nokia Lumia 920 chegará inicialmente con Vodafone a primeiros de xaneiro, e o Nokia Lumia 620 aínda deu a coñecerse hoxe, polo que non pecharon acordos con operadoras móbiles, de xeito que as compañías que o incorporarán ao seu catálogo aínda é unha incógnita.

PUBLICIDADE