Detectan accesos accidentais de Instagram á cámara dos iPhone

luns, 27 de xullo do 2020 Marcus Fernández

A vindeira actualización de iOS inclúe novas alertas de seguridade que ao dar conta do uso de elementos como o portapapeis, a cámara ou o micrófono de certas aplicacións pon aos usuarios sobre aviso de posibles violacións da súa intimidade, de xeito que as probas da beta de iOS 14 está a provocar bastante rebumbio, levando a que moitas aplicacións muden certas prácticas para evitar unha fuxida de usuarios ante o medo de sentirse espiados.
A última en ter que someterse a este tipo de escrutinio é Instagram, xa que detectaron como ao usar Instagram, sen ter prendida a súa cámara, iOS 14 indicaba que a aplicación estaba a acceder á cámara do móbil, o que podería ser moi alarmante, aínda que rapidamente indicaron que ese comportamento respondía a un bug que vén de ser corrixido.
Un voceiro de Instagram detallou que non acceden á cámara do móbil agás cando o usuario quere facelo, e a alerta que amosa a beta de iOS 14 non correspondería a un acceso real á cámara, senón a un erro no código que disparaba tal indicador sen que chegase a rexistrarse o contido captado pola cámara.
Este tipo de fallo é relativamente frecuente, e non se lle prestaba atención até agora, cando o sistema operativo alerta diso, polo que é de esperar que grazas á nova funcionalidade de iOS as aplicacións pasen agora maiores controis de calidade para evitar escándalos que poidan provocar a perda de usuarios activos.

PUBLICIDADE