Detectan portas traseiras en routers da marca Tenda
martes, 7 de xullo do 2026
Nos últimos anos fixéronse moi populares as solucións Wi-Fi mesh para solucionar os problemas de cobertura da Internet no fogar e, en tendas como Amazon, emerxeu un fabricante chinés con propostas moi atractivas pola súa relación calidade-prezo: Tenda.
Pero dende Centro de Coordinación do Equipo de Resposta de Emerxencias Informáticas do Instituto de Enxeñaría de Software da Universidade Carnegie Mellon veñen de proxectar unha sombra de dúbida sobre a marca chinesa, xa que detectaron varias versións do firmware de produtos da marca Tenda que contarían con portas traseiras (métodos non documentados para poder acceder aos routers como administrador).
No fallo de seguridade detectado existiría un contrasinal mestre, que non se correspondería a ningunha conta de usuario determinada, e que facilitaría o acceso como administrador dos routers da marca Tenda (concretamente aos modelos FH1201, W15, AC10, AC6 e AC5).
Queda por saber se estamos ante un fallo de seguridade accidental ou unha actuación maliciosa como denuncian reiteradamente dende EE.UU. ao recear dos dispositivos de fabricación chinesa.
