Detectan un keylogger en ordenadores portátiles de HP

luns, 11 de decembro do 2017 Marcus Fernández

O investigador Michael Myng alertou da existencia dun keylogger nos controladores de teclado que veñen instalados nun bo número de ordenadores portátiles de HP (máis de 460) de familias tan populares como EliteBook, ProBook, Pavilion e Envy, que estaría desactivado de serie, pero que poderá activarse de xeito doado para espiar todo o que teclea o usuario.
O controlador con este problema de seguridade tería no seu interior código para rexistrar todo o que teclea un usuario para a depuración de erros, pero o feito de que este mecanismo poida activarse por parte dun atacante sería un problema moi serio, xa que facilitaría o acceso a todo o que teclea un usuario, o que non só vulneraría a súa intimidade, senón que tamén serviría para conseguir numerosas credenciais de acceso.
HP xa publicou un boletín de seguridade sobre o asunto no que detallan as versións actualizadas dos controladores afectados para que os usuarios de equipos con esta vulnerabilidade poidan instalalos e así evitar que alguén poida espialos activando esta funcionalidade oculta. A actualización dos controladores tamén está dispoñible a través de Windows Update, confirmándose unha vez máis a necesidade de ter o software dos nosos equipos ao día.

PUBLICIDADE