Deteñen a unha persoa que vendía copias de Gears of War 2 e Fable 2 antes do seu lanzamento

martes, 21 de outubro do 2008 Marcus Fernández

Gears of War 2 chegará ás tendas o 7 de novembro

Nos pasados días falamos de cómo o mesmo día no que Bethesda anunciou que tiña rematado Fallout 3 o xogo comezou a distribuírse ilegalmente a través da Internet, seguindo a estela de títulos coma Grand Theft Auto IV, Saints Row 2, LEGO Batman, Fracture, El Poder de la Fuerza ou Pure, que chegaron ao público antes do seu lanzamento oficial grazas a filtracións que prexudican seriamente á industria do videoxogo, e 2 dos grandes lanzamentos deste ano, Gears of War 2 e Fable 2, padeceron nos últimos días a mesma problemática, aínda que neste caso (como tamén acontecera con GTA IV) un dos seus responsables deberá render contas ante a xustiza, pois en Memphis detiveron a un traballador de Technicolor (e se está a investigar tamén a outra persoa) por roubar supostamente os dous xogos antes comentados, dos que se lle interviñeron 97 copias que estarían destinadas á súa comercialización no mercado negro antes do seu lanzamento oficial.
O acusado, Rodney Gray, traballaría na seguridade da empresa dedicada á fabricación, empaquetado, almacenamento, distribución e produción das copias dos xogos, de aí que tivese acceso aos xogos antes da súa comercialización final.
Os axentes que se encargaron da investigación incautaron non só preto de cen copias de Gears of War 2 e Fable 2, senón tamén outros 807 DVD valorados en máis de 100.000 dólares, descoñecéndose a cantidade de unidades que Gray tería distribuído nas rúas.

Gears of Wars 2 filtrouse á Rede cunha antelación de 3 semanas

Na actualidade está a circular por redes P2P unha copia de Gears of War 2 que incluso podería prexudicar a imaxe do xogo que chegará ás tendas españolas, por tratarse dunha copia internacional que non conta coa excelente dobraxe localizada para España, aínda que a anticipación da filtración (pois o xogo non chegará ao mercado ata o 7 de novembro) é un factor que inflúe moito na promoción da distribución de copias ilegais, de aí que se deba coidar moito este detalle, para non desincentivar a reserva xogos, que supón un pulo inicial de vendas decisivo no éxito de moitos títulos.

PUBLICIDADE