Deteñen aos responsables dunha rede de ordenadores zombi

mércores, 3 de marzo do 2010 Marcus Fernández

A Garda Civil en colaboración co FBI e Panda Security desmantelou a rede de ordenadores zombi coñecida coma Mariposa (Bolboreta) que estaba formada por uns 12,7 millóns de equipos infectados por troianos a través dos que captaran información persoal e bancaria de máis de 800.000 usuarios de todo o mundo, afectando a 500 empresas e máis de 40 entidades bancarias. Esta rede de equipos controlados remotamente sen coñecemento dos seus usuarios estaría a ser controlada por 3 españois sitos en Balmaseda (Biscaia), Molina de Segura (Murcia) e Santiago de Compostela (A Coruña), que foron detidos, aínda que dende o Grupo de Delitos Telemáticos da Garda Civil aseguran que non foron os creadores desta botnet, senón que adquirírona no mercado negro.
A rede zombi foi desmantelada o pasado 23 de decembro, pero grazas á colaboración dos responsables dalgúns servizos en liña e polo intento de que un dos sospeitosos intentase retomar o control da rede Mariposa tras a súa clausura facilitou as investigacións que deu coa detención dos supostos responsables da explotación desta rede de equipos escravos.
Os equipos infectados remitían as súas chaves de rexistro e todas as pulsacións de teclado que facíase nos mesmos para que estivesen dispoñibles para os responsables da botnet, información que servía para facer cartos.

PUBLICIDADE