Deteñen novamente a Alcasec

luns, 15 de xullo do 2024 Marcus Fernández

Axentes da Garda Civil e os Mossos d’Esquadra detiveron en Madrid a un xa habitual delincuente informático (José Luis Huertas Rubio, alcumado Alcasec) acusado dun ataque á compañía de distribución eléctrica Holaluz á que tería roubado datos dos seus 37.000 clientes.
A intrusión relativa a esta operación policial teríase realizado en 2022 mediante a usurpación de credenciais autorizadas e a escalada de privilexios. Alcasec empregou unha infraestrutura distribuída en varios países, captando información sensible para logo transferirlla a terceiros a cambio do pagamento en criptomoedas.
Conseguiuse rastrexar a orixe do ataque e denunciáronse os feitos ante a Autoridade Catalá de Protección de Datos, e tras diversas xestións cos diferentes servizos empregados para facilitar o ataque (para o que precisouse de colaboración internacional) puideron identificar a Alcasec, levando á detención na que participaron o Departamento contra o Cibercrime da UCO (Garda Civil) e a Área Central de Cibercrime da IDC (Mossos d’Esquadra), e na que realizaron rexistros para recoller evidencias de interese para a investigación.
Alcasec roubou información de numerosas empresas (como Telefónica) no pasado, conseguindo grande notoriedade ao vulnerar a seguridade do Punto Neutro Xudicial e a Axencia Tributaria. Aínda que xa pasou por prisión provisoria, a súa colaboración coas autoridades e a súa curta idade levou a que se lle puxese en liberdade, pero haberá que ver como remata a historia desta figura que podería rematar pasando varios anos na cadea por mor da acumulación de sentenzas condenatorias.