Deus Ex: The Fall estréase na App Store
xoves, 11 de xullo do 2013
A
serie de xogos de Deus Ex conseguiu
volver a estar en primeira liña hai un par de anos coa
súa entrega Human Revolution, mantendo
moitas das ideas que fixeran que o título inicial da franquía recibise
numerosos premios no seu día, e dende hoxe podemos trasladar a experiencia a
dispositivos móbiles, pois Square Enix vén de estrear Deus Ex: The Fall, un
novo título da saga que supón a súa primeira incursión en dispositivos móbiles
e que foi desenvolvido en colaboración con N-Fusion e o equipo de Human Revolution (Eidos-Montreal).
Deus Ex: The Fall é un xogo de rol de
acción guiado pola historia, ambientándose a continuación da novela Deus Ex: The Icarus Effect, no que hai que sobrevivir en medio
dunha conspiración internacional, percorrer distintos escenarios que van dende
os escondedoiros da mafia en Moscú ata os barrios baixos de Panamá, permitindo
que o xogador decida se supera os distintos niveis facendo uso do sixilo ou dun
enfrontamento máis directo.
O xogo mantén a ambientación característica dos xogos de consola doméstica, e
mantén o seu nivel técnico moi alto, o que fai que sexa preciso para xogalo
contar como mínimo cun iPad 3, un iPad mini, un iPhone 4S ou un iPod Touch (de
5ª xeración). Este extraordinario xogo para dispositivos móbiles está á venda
como aplicación universal para iOS a un prezo de 5,99 euros.
- En Deus Ex: The Fall podemos optar polo sixilo para superar os distintos niveis
Trailer de lanzamento da nova entrega da saga Deus Ex