Devolo presenta adaptadores powerline para tirar partido do Wi-Fi no xardín

venres, 19 de agosto do 2016 Fernando Sarasketa

Estes días vén especialmente a conto falar de tecnoloxías de verán. Por exemplo, tecnoloxías que nos faciliten o traballo e a comunicación dende espazos diferentes aos habituais. Devolo, a firma xermana de produtos tecnolóxicos, está a presentar unha solución para os que queiran navegar dende o emprazamento do fogar ou da empresa que máis directamente encamiñado estea ao lecer ao aire libre. Trátase dos aparellos Devolo dLAN Powerline, que integran entre as súas principais características a capacidade de aumentar o alcance da nosa rede Wi-Fi até o quintal, o patio, a leira cos tomates, o xardín ou, porque non, até a grella da sardiñada.
En palabras de Devolo, os internautas poderán gozar ao máximo das “agradábeis noites e das fins de semana asolladas” coa mellor cobertura Wi-Fi para tabletas, dispositivos intelixentes e trebellos de audio e vídeo en streaming. A tecnoloxía, engade a empresa, consiste en fornecer sinal de Internet para calquera enchufe da parede (tecnoloxía Powerline Communications) cos adaptadores dLAN Powerline. “Só temos que enchufar o adaptador e comezaremos a gozar dunha rede doméstica sen fíos ao aire libre”, engaden fontes de Devolo, que tamén lembran, para que non o saiba, que os adaptadores tiran partido da rede eléctrica coma se se tratase dun cable de rede, convertendo calquera toma de corrente nun punto de acceso a Internet “cunha perfecta recepción de Wi-Fi”.

PUBLICIDADE