Dezaseis proxectos TIC galegos buscan xa o seu financiamento no encontro Vindeira Capital Network
martes, 6 de xullo do 2010
O Hotel
A Quinta da Auga acolleu
hoxe a apertura dun ambicioso encontro profesional encamiñado a
incrementar o número de apoios de financiamento para os proxectos
TIC de mercado que arestora están a coller corpo na nosa terra. A
xuntanza, que se presenta como a constatación de que non tódalas
billas de investimento están pechadas, arrincou no mediodía deste
martes 6 cun acto de presentación perante os medios que contou coa
presenza de Ricardo Capilla, director xeral de I+D, Rafael Valcarce,
presidente do Cluster TIC e Antonio Rodríguez del Corral, presidente
de Vindeira. O evento Vindeira
Capital Network, que
proseguirá ao longo do mércores con relatorios e presentacións,
está organizado polo Cluster TIC de Galicia, a plataforma Vindeira e
o centro Gradiant. O evento, fixo saber Rodríguez, xorde da
necesidade de atopar o impulso que precisa o potencial galego, un
potencial que por desgraza, e malia a gran calidade das iniciativas
que xorden del, non atopa no seu propio terreo todo o apoio que
precisa.
Segundo se nos fixo
saber na dita sesión de apertura, na xuntanza participarán algúns
dos máis importantes investidores e impulsores de negocio do
panorama TIC actual, entre os que se contan conselleiros delegados e
directores de investimento de capital risco e business
angels. Precisamente, esta presenza
activa de axentes da innovación fará posible, entre outras cousas,
unha experiencia concreta de procura de apoios. En concreto, está
previsto que dezaseis proxectos empresariais sexan avalados polos
seus responsables co fin de acadar o capital preciso e cruzar así a
liña que separa as ideas das realidades. Do total de iniciativas,
oito se presentarán de xeito extenso e os restantes de forma
reducida. En total, os emprendedores solicitarán 10 millóns de
euros dos axentes convidados, a engadir ao xa posto en xogo polas
propias firmas. Todas estas iniciativas, comentaron Valcarce e
Rodríguez, contan co aval e a garantía de ter sido elixidas polo
propio sector TIC galego, a través dun proceso de escolma ao que se
presentaron un total de 24 empresas con cadansúa achega. A
continuación, estas foron avaliados polo comité de Vindeira, cos
mesmos métodos de traballo que empregarían os investidores. O
resultado final foi de dezaseis, oito delas de primeira orde. Segundo
informan dende o Cluster TIC, os proxectos abranguen un amplo abanico
de nichos de mercado, que van desde o e-Goberno ata as redes sociais
ou o gaming.
A presentación hoxe e
mañá destes proxectos, unida á toma continua de contactos entre
uns profesionais e outros, vai dirixida en palabras de Valcarce e
Rodríguez a “crear un clima de traballo e unha rede virtual que
sirva para afianzar aínda máis estas ligazóns, materializándose
estas nun encontro novo a celebrar cada ano”.
Na
cita de hoxe tamén participou Ricardo Capilla, director xeral de
I+D, quen cualificou o evento de “exemplo a seguir”
para que outras áreas, sectores ou plataformas amosen tamén a súa
capacidade de emprendemento.
Axentes de financiamento
Entre os responsables de
financiamento que se dan cita en Santiago atópanse representantes
das seguintes empresas: Active Venture Partners, Adara, Alta
Partners, Bullnet, Emerxía, G8 Capital, Going, Highgrowth,
Inveready, Perennius, Enisa, NEOTEC, DADE, Factoria Dixital de Ideas
e Intercom. A estas quince entidades cómpre engadir axentes de
capital risco galegos, como Xesgalicia, Crecentia, Unirisco e Vigo
Activo.
O encontro desenvólvese
en dúas xornadas e combina relatorios e mesas de debate con dúas
roldas rápida de presentación dos proxectos a cargo dos seus
promotores (Elevator Pitch). Ao longo dos dous días de
traballo, emprendedores e financiadores terán ocasión de manter
encontros individualizados co obxectivo de concretar acordos que
permitan a posta en marcha dos proxectos.
O emprazamento do encontro
é, como dixemos, o Hotel A Quinta da Auga, Paseo da Amaia 23b na
Urbanización Brandía, en Vidán (Santiago).