Dezasete proxectos de innovación empresarial voan alto grazas ás axudas INCUVI da UVigo

venres, 21 de xaneiro do 2022 S. P.

A Universidade de Vigo celebrou este xoves 20 de xaneiro o acto de entrega da X edición das Axudas INCUVI-Emprende, VI de INCUVI-Avanza e II de INCUVI-Consolida, tres convocatorias coas que a institución académica viguesa quere contribuír a converter en realidades empresariais concretas os proxectos innovadores do seu alumnado. No acto, que se celebrou novamente de xeito virtual, puxéronse en valor e destacáronse 17 iniciativas emprendedoras.
Este recoñecemento ao espírito emprendedor dos estudantes materializouse en doce axudas INCUVI Emprende, para aquelas ideas que se atopan no seu nivel de desenvolvemento máis básico; catro axudas INCUVI Avanza, para os proxectos que xa teñen certo nivel de maduración e unha axuda INCUVI Consolida para que un proxecto xa constituído, que pasou polos programas Emprende e Avanza, poida seguir recibindo asesoramento específico e unha axuda económica que lle facilite a súa consolidación empresarial.
Con respecto aos proxectos galardoados na décimo edición de INCUVI Emprende, a directora da Área de Emprego e Emprendemento Maruxa Álvarez destacou o seu elevado grao de madurez. “Hai moita materia prima de moi alta calidade”, recalcou Álvarez. Algunhas das propostas gañadoras teñen xa certo grao de maduración e contan incluso con proposta de nome comercial, mentres que outras están aínda pendentes de ir perfilando todos os detalles que compoñen unha idea de negocio xa máis consolidada. Lilla: renting de moda propón a adaptación do concepto do renting ou aluguer á moda co obxectivo de darlle acceso ao público en xeral a produtos exclusivos que, doutro xeito, non se podería permitir. Tamén en relación co sector téxtil outra das iniciativas gañadoras propón a creación dunha marca de roupa inclusiva de xénero no-binario, na que non se teña en conta nin a morfoloxía masculina nin a feminina.
Desde o Grao da Enxeñaría Biomédica un grupo de catro alumnos propoñen un sistema que facilitaría a detección precoz de infeccións en dispositivos implantábeis visíbeis por viraxe de cor e, dos seus veciños do Grao en Enxeñaría da Enerxía, apostan por un proxecto de eólica mariña sobre batea. Moitas propostas chegan tamén do ámbito científico. InsectNova diríxese a obtención de fariñas ricas en proteínas a partir de insectos. No caso de Rocío Paladea, do Mestrado en Biotecnoloxía Avanzada, propón un sistema de crio-preservación de gametos de especies animais de interese comercial e/ou en perigo de extinción.
O centro de día Ruliña é outra das iniciativas gañadoras e, en relación co sector hoteleiro e turístico, están Rooms Renovación Hotelera Eficiente e Work Like a Local, “unha consultoría turística cuxa misión será adaptarse ás necesidades do novo viaxeiro de negocios posCOVID”. Completan o cadro de ideas gañadoras a academia de alto rendemento TecnifícaT; Uvigo Merch, un proxecto de tenda de merchandising para a Universidade de Vigo, e Innovocis, un proxecto que une a comunicación dixital coa innovación.
Os catro proxectos seleccionados para participar nesta edición en INCUVI Avanza formaron parte o curso pasado de INCUVII Emprende. No caso de Diana Limón, proxecto de comunicación dixital e copywriter especializado no sector artesán, está promovido por Diana Torres, do Grao en Publicidade e Relacións Públicas, e o seu obxectivo é “facilitar aos artesáns a súa transición cara o mundo dixital, axudándolles a transmitir a súa esencia ás súas propias páxinas web”.
Relacionado tamén cos produtos artesáns, neste caso alimentarios, está daOrixe, unha plataforma de venda de produtos de proximidade e responsábeis coa contorna, impulsada por Viviana Martínez, titulada do Mestrado de Responsabilidade Social Corporativa. “Eu o que fago é identificar a pequenos produtores galegos que buscan producir os seus produtos de forma sustentábel e axudar aos consumidores a descubrir e comprar este tipo de produtos”, tal e como explicou no vídeo de presentación a súa impulsora.
Completan os proxectos de INCUVI Avanza Navia3D, unha iniciativa cultural que xurdiu da unión entre a arqueóloga Rita Pérez e o enxeñeiro Simón Fernández e que persegue salvar distancias entre patrimonio histórico, cultura e tecnoloxía (fotogrametría, deseño e impresión 3D, prototipos virtuais e físicos, cursos formativos e divulgativos) e Vi&Go, impulsada por Marta Álvarez, Ignacio Iglesias e Adrián Marnotes, proxecto que ofrece aos seus posíbeis clientes unha subscrición a unha rede de carga e intercambio de baterías de motocicletas eléctricas, tanto de uso particular como profesional.
Para rematar, ODS Protein, a idea gañadora da segunda edición de INCUVI Consolida, producen proteínas alternativas a través de diferentes procesos de fermentación, aptas para ser incorporadas en múltiples produtos da industria alimentaria.

PUBLICIDADE