DiRT Rally sae á venda rendendo homenaxe a Colin McRae

martes, 5 de abril do 2016 Marcus Fernández

O pasado mes de decembro a tenda dixital de videoxogos Steam recibiu un dos mellores xogos de rally dos últimos anos, DiRT Rally, que hoxe estrea versión para Xbox One e PlayStation 4, estando tamén dispoñible para as tres plataformas en formato físico nunha edición especial que inclúe un disco Blu-ray co documental Colin McRae Rally Legend, que agradecerán especialmente os seareiros desta franquía de xogo de Codemasters que está viva dende 1998, e conseguindo transcender a carreira deportiva do célebre piloto (retirado en 2006 e falecido en 2007) que daba nome a esta serie de xogos de referencia.
DiRT Rally é un xogo que captura a emoción de carreiras ao límite no que un choque pode ter un claro impacto no tempo de cada etapa, pondo ao piloto a proba mentres se corre por neve, xeo, asfalto e terra, en distintas condicións meteorolóxicas, mentres que o equipo que o acompaña terá que manter o vehículo na mellor condición posible, convertendo cada rally nunha proba de concentración e habilidade.
Máis de 40 coches e 6 enormes rallies con máis de 70 etapas conforman este xogo que tamén inclúe contido oficial de World Rallycross, para vivir trepidantes emocións de alta velocidade con algúns dos coches todoterreo máis rápidos do mundo, mentres se intercambian deseños con outros pilotos nos circuítos máis queridos da saga en carreiras para un xogador e multi-xogador de alta intensidade.

A edición física de DiRT Rally homenaxea a Colin McRae cun documental en Blu-ray