Diablo III chega hoxe a PlayStation 3 e Xbox 360

martes, 3 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Os afeccionados aos xogos de rol de acción para ordenador que teñan unha PlayStation 3 poden gozar dende hoxe dun grande título de Blizzard que dá finalmente o salto dos ordenadores persoais ás consolas domésticas, Diablo III, que dende esta semana pode mercarse nas tendas en soporte físico e que dende xa mesmo pode descargarse a través da PlayStation Store por un prezo de 59,99 euros, incluíndo o xogo completo e un tema dinámico do mesmo.
A versión para PS3 de Diablo III inclúe 5 elementos de bonificación in-game exclusivos, permite xogar cooperativamente en local ata 4 usuarios na mesma pantalla e mantén todos os elementos importantes do xogo para PC, conservando unha boa xogabilidade pese a pasar dun control baseado en teclado e rato a un mando de consola, elemento que está a valerlle boas críticas como o 9,25 que lle espetou a revista Game Informer.
Diablo III tamén está dispoñible dende hoxe para Xbox 360, pero polo momento só figura nos establecementos tradicionais, non aparecendo dispoñible na tenda de Xbox Games (supomos que aparecerá nas vindeiras horas).
Diablo III está integramente localizado en español (castelán e latino), inglés, alemán, francés, ruso, italiano, polaco e portugués (de Brasil) e adaptouse ás necesidades dos xogadores de consola, cunha perspectiva de cámara dinámica que realza ao heroe, unha nova interface de usuario e o mencionado sistema de control intuitivo que fai que un xogo propio do PC poida gozarse con interfaces de uso máis limitadas.
Os xogadores poden enfrontarse aos malvados habitantes dos Infernos Abrasadores sos ou en grupos de ata 4 personaxes na mesma pantalla nos modos cooperativos local e en liña, podendo combinarse grupos de xogadores en local e a través da Internet ao mesmo tempo.
Estas novas versións de Diablo III tamén incluen as novidades que foi recibindo o xogo para PC nos últimos meses, de xeito que nas consolas poden gozar dun xogo excelente dende o primeiro momento.

PUBLICIDADE