Diego Andrade (CITIC) fala no MUNCYT sobre a computación cuántica como aliada para coidar o planeta
xoves, 19 de xuño do 2025
O Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) da Coruña organiza ás 19.00 horas a charla Os cúbits salvarán o planeta: breves apuntamentos sobre a revolución da computación cuántica, a cargo de Diego Andrade, investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña. A actividade, con entrada libre ata completar aforo, tamén poderá seguirse en directo na canle de YouTube da FECYT.
Na súa intervención, Andrade abordará unha cuestión candente: a capacidade da computación cuántica, unha tecnoloxía emerxente baseada nos cúbits, para contribuír a reducir o consumo enerxético na resolución de problemas complexos. “Nun momento no que a IA, a predición meteorolóxica ou a analítica de datos consumen enormes cantidades de recursos, esta nova forma de computar abre portas a solucións máis eficientes e sostibles”, adianta. O relator tamén explicará en que se diferencian os cúbits dos bits tradicionais, e como esta tecnoloxía pode aplicarse a retos medioambientais concretos: simular novos materiais sustentables, mellorar a eficiencia enerxética ou optimizar redes de transporte, entre outros.
Diego Andrade é profesor titular da Universidade da Coruña e investigador do CITIC, centro no que lidera liñas de investigación relacionadas coa computación cuántica, a IA e a computación de altas prestacións. Cunha traxectoria consolidada, conta con máis de 40 publicacións científicas e participou en numerosos proxectos de ámbito estatal e europeo.
Esta actividade celébrase no marco do Ano Internacional da Ciencia e a Tecnoloxía Cuánticas, proclamado pola UNESCO, e coincide co mes no que se conmemora o Día Mundial do Medio Ambiente, pondo o foco no potencial da ciencia para avanzar cara á sustentabilidade.
