Digi TV xa está dispoñíbel en todas as provincias de España
luns, 10 de febreiro do 2025
Digi, a operadora de telecomunicacións do Grupo Digi Communications en España, estendeu totalmente o seu servizo de televisión, Digi TV, de forma que xa está dispoñíbel para a súa contratación en todas as provincias de España.
Como lembraremos, a operadora arrincou e extensión do seu servizo de TV o pasado mes de decembro de forma progresiva, até chegar ao fito deste mes de febreiro, achegando aos clientes de fibra das 50 provincias “máis de 100 canles das principais produtoras de contido internacionais como Disney, Warner, AMC, Sony ou SkyShowtime, para gozar de cinema, series, deportes, documentais e entretemento, música e noticias nacionais e internacionais a partir de 17 euros, nunha oferta combinada de televisión e fibra”.
Ademais, Digi incluíu algunhas melloras para que os clientes poidan sacarlle o máximo partido posible ao seu servizo de televisión. Por exemplo, incorporou un novo decodificador, o modelo R2A, cun mando máis completo que inclúe números para elixir as canles con maior rapidez, acceso á guía de programación de Digi TV e botóns para deter, parar, reproducir, adiantar e retroceder os contidos.
Ademais, este decodificador conta cunha toma de antena, o que permite sintonizar máis canles TDT.
Ademais, os clientes poderán lanzar o que estean a ver desde o seu dispositivo móbil (smartphone ou tableta) á súa Smart TV. Deste xeito, ademais de poder ver os contidos que queiran na pantalla da súa televisión, poderán controlar co seu móbil a reprodución e o volume, entre outros axustes.