Digi comeza a ofrecer eSIM aos seus clientes

luns, 30 de outubro do 2023 Marcus Fernández

O operador Digi non quere limitarse a ofrecer uns prezos competitivos e cada vez incorpora máis vantaxes para engadir valor aos seus servizos e fidelizar aos seus clientes, e como grande novidade anuncia hoxe a chegada da eSIM, ou sexa, que os clientes que queiran poden mudar a súa tarxeta SIM física por unha eSIM de balde.
Son moitos os móbiles de alta gama que contan con opción de equipar con unha ou dúas tarxetas SIM e, adicionalmente, cunha eSIM, gañando así en versatilidade (é un dos pouco xeitos para ter dos números de teléfono nun iPhone), e agora esta vantaxe tamén está dispoñible a través de Digi.
As vantaxes da eSIM non son simplemente desligar a nosa liña dunha tarxetas física, senón tamén poder xestionar esa liña ao momento (por exemplo, apagando a eSIM se perdemos o móbil), aínda que cómpre admitir que non ter que depender dun elemento físico resulta moi atractivo á hora de dar de alta unha liña a través da Internet, xa que non hai que agardar a recibir unha tarxeta física na casa para comezar a gozar da liña contratada.

PUBLICIDADE