Digi patrocinará ao Dépor ata 2026
mércores, 17 de xullo do 2024
A finais de 2022 o operador de telecomunicacións Digi converteuse en patrocinador oficial do Real Club Deportivo da Coruña para a tempada 2023-2024, e agora anuncian a renovación do acordo co club herculino para as tempadas 2024-2025 e 2025-2026, de xeito que o Deportivo lucirá na manga da súa camiseta o logo do operador. Ademais, o acordo mantén tamén o compromiso de Digi co Fabril e co fútbol base masculino, cuxos equipos lucirán o logo do operador nas costas, sobre o dorsal.
Segundo o conselleiro delegado de Digi España, Marius Varzaru: «É un orgullo apoiar a este club tan recoñecido e con tanta historia co que estamos encantados de seguir colaborando dous anos máis. Estamos seguros de que continuaremos colleitando moitos éxitos xuntos».
Pola súa banda, o conselleiro delegado do Deportivo, Massimo Benassi, amosouse moi satisfeito por este acordo: «Digi ten un claro compromiso coa Coruña e con Galicia, e unha mostra máis disto é este acordo, que prolonga dous anos máis a súa colaboración co noso club. Con Digi seguiremos da man para poder lograr todos os nosos obxectivos».
Digi ten unha grande presenza na cidade da Coruña, coa súa tenda (situada no número 74 da rúa Juan Flórez), a primeira en Galicia e coa que está máis preto dos seus clientes dende o pasado mes de decembro. Ademais, o operador conta cunha delegación propia con máis de 160 empregados directos en toda a provincia. A cidade herculina tamén destaca pola cobertura da rede propia de Digi, o que permite a comercialización da súa Fibra Smart, a uns prezos que apenas teñen competencia no mercado.