Digi sitúase como o operador coa banda larga fixa máis rápida

luns, 10 de xaneiro do 2022 Marcus Fernández

Un dos medidores de velocidade de acceso á Rede máis popular é o de Ookla, que vén de realizar o seu balance de medicións para determinar os operadores que ofrecen a maior velocidade de acceso á Internet, determinando que a banda larga fixa máis rápida de España corresponde ao operador Digi, o que dende o operador anuncian de xeito incorrecto que supón que operan «a rede de fibra máis rápida de España de xullo a decembro de 2021», cando o que realmente acontece é que Digi só comercializa conexións de 300 Mbps, 1 Gbps e 10 Gbps, mentres que o resto de operadores tamén comercializan tarifas de menor velocidade (e incluso con tecnoloxías distintas á fibra óptica), o que reduce a súa velocidade media.
Os Speedtest Awards de Ookla recollen o resultado de 7.757.780 probas de velocidade realizadas por usuarios nas distintas aplicacións de Speedtest, tanto dende equipos informáticos como de dispositivos móbiles conectados a Wi-Fi, rexistrando un total de 1.864.512 usuarios, dos que só 103.098 corresponderían a Digi, polo que os seus resultados parecer deberse basicamente a que non comercializan tarifas de menos de 300 Mbps e os seus clientes están situados principalmente en grandes núcleos de poboación nos que normalmente hai mellores infraestruturas.
Os resultados de Ookla para o segundo semestre de 2021 situarían en primeira posición a Digi (279,65 Mbps), operador seguido por Orange (195,73 Mbps), Jazztel (153,90 Mbps), Yoigo (139,53) e Movistar (131,01 Mbps), resultados que contrastan enormemente con outras análises do mercado da banda larga en España, probablemente porque desta volta a comparación carece de sentido por mesturar distintas ofertas comerciais e tecnoloxías de comunicación.

PUBLICIDADE