Digi vende parte da súa rede de fibra en España

venres, 5 de abril do 2024 Marcus Fernández

O operador de telecomunicacións Digi vén de asinar un acordo cun consorcio formado por Macquane Capital, abrdn e Arjun Infrastructure Partners para a venda dunha parte da súa rede de fibra óptica até o fogar en España (quedando fóra da operación a rede despregada en Galicia).
Digi acordou a venda por un importe de até 750 millóns de euros un total de 6 millóns de accesos de fibra óptica, dos que 4,25 millóns de accesos xa están despregados e o resto despregaranse nun prazo de 3 anos.
Cómpre salientar que Digi continuará a empregar esta rede de fibra óptica, e continuará a ser o operador responsable do seu mantemento, entendéndose que a operación busca basicamente reforzar a capacidade de investimento a longo prazo de Digi en España.