Digital_Expo avanza na modernización dos espazos expositivos transfronteirizos
venres, 26 de xuño do 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou hoxe en Expourense na xornada do proxecto Digital_Expo, unha iniciativa de cooperación transfronteiriza orientada á modernización e transformación dixital dos recintos feirais e centros expositivos de Galicia e o norte de Portugal. Na súa intervención, o conselleiro destacou esta acción, que ten entre os seus eixos principais a creación dunha rede destinada a impulsar a dixitalización destes espazos.
Unha cuestión, segundo José González, que encaixa co que está a promover a Xunta de Galicia no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, elaborado en colaboración cos distintos axentes do sector, incluídos os representantes dos recintos feirais. Neste ámbito, a comunidade galega procura consolidar unha rede autonómica que favoreza o liderado destes espazos en materia de modernización e dixitalización, co obxectivo de atraer novas feiras e eventos e, ao mesmo tempo, reforzar o papel do comercio, xa que estes recintos poden acoller iniciativas orientadas a presentar as últimas novidades do sector.
O conselleiro tamén puxo en valor este proxecto (liderado polo Goberno galego e no que participan Expourense, a Universidade de Vigo e as cámaras municipais de Viana do Castelo, Ponte de Lima e Arcos de Valdevez) como un exemplo de colaboración institucional. Neste sentido, agradeceu o traballo das entidades implicadas para impulsar os recintos feirais como espazos estratéxicos para os distintos sectores económicos e para os seus territorios.
Neste contexto, González destacou Expourense, que o ano pasado rexistrou máis de 111.000 visitas nas diferentes actividades que acolleu, entre feiras, eventos, xornadas, formacións e competicións. Esta actividade, subliñou, atrae público nacional e internacional e consolida o recinto como escaparate dos avances do comercio local, da difusión da marca Galicia e dunha oportunidade para o crecemento económico da comunidade.
Outras accións do proxecto Digital_Expo
<p
>O proxecto Digital_Expo intégrase no programa Interreg POCTEP (España–Portugal), estenderase ata o 31 de decembro de 2027 e conta cun orzamento total superior ao millón de euros. Entre as actuacións previstas, e que se puxeron en valor durante a xornada, inclúese a creación dun espazo (hub) demostrativo de innovación para compartir coñecemento e recursos.
Tamén se desenvolverán proxectos piloto tecnolóxicos baseados en ferramentas como a intelixencia artificial ou a realidade virtual e aumentada, co fin de avaliar a aplicación práctica destas tecnoloxías emerxentes na xestión dos recintos, dos espazos expositivos e na experiencia das persoas visitantes. O programa inclúe ademais accións de formación, transferencia de coñecemento e promoción dixital dirixidas ao tecido empresarial, orientadas a aumentar a visibilidade dos recintos e a captación de novos usuarios.
A xornada de hoxe incorpora tamén conferencias sobre solucións tecnolóxicas innovadoras para pemes e para o sector comercial, así como sobre os apoios que a Xunta pon á disposición do comercio.
