Dinahosting estrea novo panel de control

martes, 8 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

Dinahosting estreou co inicio deste mes de maio un novo Panel de Control, en palabras da empresa de aloxamento web emprazada en Vista Alegre (Santiago) “unha ferramenta moito máis doada de usar, rápido e con deseño adaptábel a dispositivos móbiles”. Ademais, salienta por ofrecer unha interface máis limpa e intuitiva, mantendo o mesmo estilo doutras ferramentas actuais “con selo Dinahosting” como TomaTransfer, o novo servizo de correo da empresa compostelá ou, tamén, a páxina web de seu. Iso si, para quen precise de máis tempo para adaptarse ao novo servizo, os responsábeis de Dinahosting permítelles usar (por agora) ambos os paneis de maneira indistinta.
A nova ferramenta, nun plano máis detallado, artéllase nos seguintes bloques de información: buscador, alertas de renovación e traslados, últimas novas publicadas no blog, buscador de dominios e ligazóns á web de hosting, VPS, dedicados e cloud.
Polo que se refire a funcionalidades “estrela”, permítenos facer cousas como revisar todos os proxectos que estamos a crear, achegar a nosa opinión (e unirnos á discusión) ou tomar accesos directos a dinahosting.com, TomaTransfer, CreoWebs e o webmail. Asemade, achéganos o noso teléfono de contacto, a nosa conta de correo de soporte, servizo Skype e acceso directo al chat. Por outra banda, ao desaparecer a vista por xanelas, a información estrutúrase en tres menús: menú superior (dende o que poderemos facer as nosas xestións como usuario, engadir ou suprimir contactos, establecer preferencias e responder a avisos), o panel de facturación (para a xestión de facturas, renovacións e métodos de pago, permitíndonos facer outras accións secundarias como cambios de servizos entre usuarios ou a revisión das nosas compras na gráfica) e dashboards de servizos (para acceder aos diferentes servizos que temos contratados).

PUBLICIDADE