Disco duro en rede con ata 2 Tb de capacidade

mércores, 29 de outubro do 2008 Marcus Fernández

Aínda que os discos duros con conexión a redes locais sexan produtos dirixidos principalmente ao seu uso en empresas, tamén teñen un potencial enorme para o fogar, e dispositivos coma o MvixBOX combinan nun único trebello un sistema de almacenamento en rede, un servidor de FTP, un servidor web Apache (con MySQL e PHP preinstalados), un servidor multimedia (que se pode comunicar coas consolas Xbox 360 e PS3 a través do protocolo uPnP), cliente de BitTorrent (para descargar ficheiros sen precisar de ter o ordenador acendido) e unha capacidade total de ata 2 Tbytes, o que debería ser máis que suficiente para o almacenamento de ficheiros multimedia e copias de seguridade de calquera fogar.
Unha das principais vantaxes deste tipo de trebello é o feito de que se conecta ao router co que se accede á Rede e así xa se pode acceder ao mesmo dende calquera equipo conectado ao mesmo por cable ou Wi-Fi, estando os ficheiros dispoñibles en todo momento para ordenadores de sobremesa, portátiles ou reprodutores multimedia avanzados.
O prezo do MvixBOX é de 299 dólares sen discos duros, polo que resulta un pouco caro para uso doméstico, o que pretende compensar cun manexo sinxelo, xa que outros discos en rede que ofrecen prestacións semellantes non fan tal coa súa configuración por defecto, senón que precisan de certos hackeos que só están ao alcance de usuarios experimentados.

PUBLICIDADE