Disco duro en rede de LaCie
xoves, 20 de decembro do 2007
Os discos duros en rede comezan a ser unha opción
cada vez máis interesante para fogares e empresas, e LaCie aproveita o pulo
para presentar en España o seu disco duro LaCie Ethernet Disk
mini Home Edition, que se conecta directamente a un porto Ethernet de ata 1
Gbps (ou sexa, ó router doméstico,
preferiblemente con soporte de Universal Plug and Play) para estar directamente
dispoñible para tódolos equipos da rede local, o que o converte nunha
ferramenta moi útil para compartir arquivos e tamén coma servidor de ficheiros
multimedia. De feito, o dispositivo é compatible con reprodutores UPnP, polo
que fai doado o achegamento de fotografías, música e vídeos a través da rede.
Para aproveitar as posibilidades da Internet, o disco duro en rede compleméntase
coa web Homelacie, que permite o
acceso ós contidos do noso disco dende calquera lugar do mundo, permitindo a
creación de cartafoles privados e públicos, o que resulta tamén práctico para
poder amosar fotografías ós nosos amigos sen ter que subilas á web.
O disco de LaCie ten unha capacidade de 500 Gb e unha velocidade de rotación de
7.200 rpm, mide 44 x 160 x 173
mm, pesa 1,5 quilogramos e se vende a 239 euros.