Disco, un novo navegador web experimental de Google con forte integración da IA
xoves, 11 de decembro do 2025
Google presentou Disco, unha nova plataforma experimental do seu programa Google Labs que busca repensar a navegación web para tarefas cada vez máis complexas. O primeiro compoñente dispoñible é GenTabs, unha ferramenta creada con Gemini 3 que promete transformar o xeito no que se interactúa co navegador ao converter conxuntos de pestanas abertas en aplicacións web interactivas adaptadas ao contexto de cada usuario.
Segundo explica a compañía de Mountain View, a web converteuse nun motor inmenso de aprendizaxe e descubrimento, pero a realización de tarefas complexas fixo que a xestión de múltiples pestanas resulte frustrante. Con Disco, Google quere explorar como a propia web pode adaptarse a esa crecente complexidade.
GenTabs analiza automaticamente o que o usuario está a facer (pestanas abertas e historial de conversa) e xera pequenas aplicacións que axudan a completar os obxectivos propostos sen necesidade de escribir código. O usuario só precisa describir que ferramenta necesita e perfeccionala mediante linguaxe natural. A tecnoloxía tamén é capaz de suxerir aplicacións que o usuario non tiña en mente pero que poden facilitar o traballo. Toda a información xerada mantén vínculo directo coas fontes orixinais da web.
Os primeiros probadores están a empregar GenTabs para tarefas moi diversas, desde planificar menús semanais ata organizar viaxes ou crear materiais educativos sinxelos para nenos. Google abriu xa unha lista de agarda para descargar Disco, inicialmente dispoñible para macOS nos EE.UU. Trátase dunha fase temperá do proxecto, polo que non todo funcionará de maneira impecable. O obxectivo dun grupo reducido de usuarios iniciais é precisamente achegar comentarios sobre aquilo que funciona, o que require melloras e o que lles gustaría ver no futuro. As mellores ideas poderían chegar a integrarse noutros produtos de Google, mais a prioridade actual é experimentar con usuarios reais para avanzar máis rápido e definir colectivamente o futuro da navegación web.
Vídeo de demostración da ferramenta GenTabs de Disco
