Discos duros... e silandeiros!

venres, 4 de maio do 2007 Raquel Noya

A Western Digital Corp. (NYSE:WDC) vén de anunciar a súa nova gama de discos duros para produtos de gravación de audio e vídeo -un dos mercados de maior crecemento na actualidade-, deseñados para achegar meirande fiabilidade, un funcionamento máis silandeiro e un menor índice de consumo. Estes dispositivos, os discos duros WD AV de 3,5 polgadas, están dispoñibles a través da rede de distribución da compañía en capacidades de 80 XB ata 500 XB e segundo os fabricantes, “o seu bo rendemento, fainos idóneos para unha ampla gama de aplicacións de gravación de audio e vídeo”.
Foron creados especificamente para operar sen interrupcións, transferindo contidos de audio e vídeo e na súa cualificación (previa á saída ó mercado), obtiveron un tempo medio dun millón de horas entre fallos, “un resultado moi superior á dos discos estándar de sobremesa”, din.
Ademais, os discos WD AV incorporan a prestación ramp load de WD, que coloca o cabezal fóra da superficie do disco durante o arranque e a detención, e cando o disco non está operativo, unha función que asegura que o cabezal nunca toque a superficie do disco reducindo o seu desgaste e aumentando a fiabilidade por moito máis tempo.
Asemade, a tecnoloxía única IntelliSeek, que incorporan os discos de WD, calcula a velocidade óptima de procura para eliminar movementos rápidos do activador (que normalmente produce ruído e require enerxía), de xeito que o cabezal chega ó seguinte sector obxectivo xusto no intre de ler o seguinte bloque de información. Grazas a este movemento progresivo, os WD AV reducen o consumo de enerxía en máis dun 60 por cento, achegando unha acción de busca silandeira e sen vibracións.
Esta diminución do ruído faise practicamente imperceptible polo oído humano debido ás carcasas de aceiro inoxidable e ás pezas deseñadas con precisión que minimizan ó máximo os niveis de son para as aplicacións de audio e vídeo.
Cómpre dicir, por último, que ademais de “silenciosos, fiables e de baixo consumo”, os fabricantes deseñaron os discos WD AV con tecnoloxía SilkStream, o que fornecerá de prestacións simultáneas en cada un dos 12 fluxos de alta definición.

PUBLICIDADE