Disney+ achegará algúns contidos de RTVE
luns, 30 de marzo do 2026

- MasterChef será o primeiro título de RTVE en chegar a Disney+
Disney+ e RTVE anunciaron un acordo estratéxico para incorporar á plataforma de streaming unha selección de programas emblemáticos da corporación pública española, nun movemento que reforza a colaboración entre operadores tradicionais e servizos dixitais no ámbito europeo. A alianza entrará en vigor o 31 de marzo e permitirá que determinados contidos estean dispoñibles en Disney+ inmediatamente despois da súa emisión en aberto.
O pacto supón a chegada ao catálogo da plataforma de títulos de grande popularidade en España, comezando por MasterChef, un dos formatos culinarios máis recoñecibles da televisión estatal, producido por RTVE en colaboración con Shine Iberia (Banijay Iberia). Disney+ ofrecerá os 13 episodios da décimo cuarta tempada do programa, así como os 12 capítulos da undécima edición de MasterChef Celebrity, que se incorporarán ao servizo tras a súa emisión en La 1 de TVE.
A colaboración non se limita ao entretemento, senón que tamén abrangue a ficción. Entre os primeiros proxectos figura Rojo sobre blanco, unha nova serie producida por Good Mood (Mediawan), que se estreará primeiro en TVE antes de chegar á plataforma. Segundo ambas compañías, anunciaranse máis títulos nas vindeiras datas.
Este acordo sitúa a RTVE xunto a outros operadores europeos en aberto cos que Disney+ xa mantén relacións, como Atresmedia en España, ITVX no Reino Unido, ARD e ZDF en Alemaña ou SIC en Portugal. A iniciativa responde a unha estratexia compartida para reforzar o ecosistema audiovisual europeo e impulsar a difusión de contidos locais entre públicos máis novos.
Desde Disney+ salientan que a colaboración permitirá ampliar a visibilidade do talento creativo español e enriquecer a oferta da plataforma con formatos de forte impacto cultural e social. Pola súa banda, RTVE aposta por novas vías de distribución que incrementen o alcance das súas producións e consoliden a súa presenza nun contexto audiovisual cada vez máis competitivo e globalizado.
