Disney+ estrearase en Europa reducindo a calidade do vídeo

luns, 23 de marzo do 2020 Marcus Fernández

Estes días non son poucos os que están a levar a conta atrás para a chegada de Disney+, servizo de vídeo baixo demanda que chega a Europa nun momento no que o lecer no fogar é tan necesario, pero este desembarco está a ser complicado, e para evitar que o consumo excesivo de largo de banda e a saturación das redes de comunicacións, seguindo indicacións da Comisión Europea (como tamén fixeron o resto de servizos de vídeo) Disney+ verá a luz reducindo un 25% a calidade das retransmisións.
Dende Disney tamén aseguran que na súa estrea de mañá serán dilixentes, e monitorizarán a conxestión da Rede e colaborarán cos provedores de acceso á Internet para evitar fallos na conectividade que é especialmente necesaria nuns momentos de reclusión no fogar.
En España teremos o servizo dende o martes, pero en Francia non terán esa sorte, xa que as autoridades galas solicitaron a Disney o adiamento da estrea, polo que non terán acceso a Disney+ até o 7 de abril.

PUBLICIDADE