Disney pecha o estudio de videoxogos LucasArts

mércores, 3 de abril do 2013 Marcus Fernández

Star Wars 1313 podería continuar o seu desenvolvemento fóra de LucasArts

Tras a adquisición de LucasFilm e LucasArts por parte de Disney creo unha situación de grande incerteza sobre o futuro da división de videoxogos de George Lucas, principalmente porque Disney tende a licenciar as súas marcas de cara aos seus videoxogos (minimizando o seu risco), e finalmente confírmase que LucasArts (compañía coñecida inicialmente como LucasFilm Games) bota o peche, de xeito que os xogos baseados no universo de Star Wars deixarán de desenvolverse internamente, decisión na que podería ter influído en boa medida o mal resultado (tanto económico como de calidade) dos últimos títulos desta franquía (como Star Wars: The Old Republic, que non foi capaz de manter o seu modelo de subscrición e tivo que reformularse como un xogo Free-to-Play).
Os principais proxectos en curso de LucasArts eran o xogo Star Wars 1313 e Star Wars: First Assault, que pese a ser moi prometedores veñen de ser cancelados, o que non significa que non vaian ver a luz no futuro, pois actualmente están a estudar a posibilidade de externalizar o seu desenvolvemento e publicación, especialmente no caso de Star Wars 1313, que estaba a captar bastante atención durante as últimas grandes feiras de videoxogos e parecía estar nun estado bastante maduro.

Os xogos de Lucasfilm Games deixaron pegada no mundo dos videoxogos (na imaxe podemos ver a colección de Ron Gilbert)

Pero o público non chora o adeus de LucasArts polos xogos futuros, senón pola pegada que deixou no mundo dos videoxogos nos seus primeiros anos, cando destacou por títulos afastados do universo de Star Wars, como as aventuras gráficas The Secreat of Monkey Island, Day of the Tentacle, Indiana Jones and the Fate of Atlantis ou Grim Fandango, considerados aínda hoxe como auténticos xogos de culto. Xa baixo o paraugas de Star Wars tamén conseguiu establecer as sagas de éxito de X-Wing, Battlefront e Knights of the Old Republic, e títulos memorables como Roque Squadron, que están moi afastados no tempo, mentres que o recordo que temos de xogos como Kinect Star Wars fai que moitos non boten en falta a LucasArts e confíen en que a posibilidade de que a saga galáctica poida pasar por mans de estudios de certo peso, que permitan futuros desenvolvementos de calidade.

PUBLICIDADE