Disparos na sede de YouTube por parte dunha usuaria anoxada

mércores, 4 de abril do 2018 Marcus Fernández

Durante a xornada de onte o Campus de YouTube en San Bruno (California) viviu uns momentos de pánico por mor dun tiroteo que saldouse 3 persoas feridas de bala supostamente ao azar e unha falecida, a autora dos disparos, que tería rematado coa súa propia vida. A falecida foi identificada como Nasim Najafi Aghdam, unha muller de 39 anos que residía en San Diego (California), e que levaría tempo procurando converterse nunha celebridade na Internet, aínda que dende 2016 tería visto como as políticas de YouTube estaban prexudicando á monetización das súas canles, de xeito que por 366.591 reproducións só conseguira un rendemento económico de 10 centavos de dólar.
Nasim Najafi Aghdam definíase a si mesma como atleta vegana e activista a prol dos dereitos dos animais, e aínda que actualmente as súas canles de YouTube non están visibles, aínda poden verse os seus vídeos en DailyMotion, comprobándose a súa pouca calidade. Distintos testemuños confirman que Aghdam estaba moi anoxada con YouTube por desmonetizar os seus vídeos, polo que as motivacións do seu acto criminal parecen claras. Esta resposta violenta resulta especialmente preocupante nas últimas semanas, xa que YouTube actualizou as súas normas para prohibir contidos que promovan a venda de armas de fogo, proporcionen instrucións de como fabricar/modificar armas de fogo, o que podería incitar a máis reaccións desproporcionadas por parte de usuarios da plataforma de vídeo que tiñan este tipo de contidos como unha importante fonte de ingresos.

A autora do tiroteo buscou a sona en YouTube, pero as súas canles non conseguiron callar

PUBLICIDADE