Dispoñíbel na Rede unha guía didáctica sobre o Seminario de Estudos Galegos

mércores, 26 de febreiro do 2025 S. P.

O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, centro de investigación mixto do CSIC e a Xunta, presentou este mércores 26 de febreiro a guía didáctica O Seminario de Estudos Galegos, elaborada coa finalidade de achegar o traballo desta entidade á rapazada dun modo divulgativo. Xa está dispoñíbel na Rede, segundo se fixo saber na cita cos medios.
Na presentación, Valentín García, secretario xeral de Lingua, salientou a necesidade de “pór en coñecemento dos máis cativos unha das institucións científico-culturais galegas de máis relevancia que integrou profesores e alumnos da Universidade de Santiago, así como a intelectuais galeguistas da Xeración Nós e das Irmandades da Fala”. Destacou que materiais como esta guía didáctica “permiten dar a coñecer o proceso de investigación, as obras e a historia desta entidade para a cultura galega”.
No acto, que tivo lugar no Pazo de San Roque, tamén participaron Pablo S. Otero Piñeyro Maseda, director do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento; María Rivo Vázquez, unha das autoras da obra, e Patricia Díaz Soto, ilustradora da guía.
A publicación, dirixida ao público escolar a partir de 5º de Primaria, afonda nas achegas feitas pola entidade desde a súa fundación, o 12 de outubro de 1923, cando estudantes universitarios, da man do catedrático Armando Cotarelo Valledor, decidiron crear un grupo dedicado aos estudos galegos, organizándose para iso en diferentes áreas temáticas.
O volume está dividido en 10 bloques temáticos, completados coas súas respectivas actividades didácticas. Ademais, incorpora varios Sabías que...? que permiten ampliar os contidos a través de curiosidades, explicacións sobre termos técnicos, citas literarias e exercicios. Así mesmo, o texto amosa a historia do Seminario de Estudos Galegos achegando información da orixe, misión, organización, sedes, socias e socios, as mulleres que pertenceron a este colectivo, as campañas de investigación, as publicacións ou as liñas de investigación.
A guía pode descargarse gratuitamente na páxina web do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e na da Editorial do Consejo Superior de Investigaciones Científicas.