Dispoñible na web do CCG unha guía docente para ensinar música oral nas aulas
luns, 12 de maio do 2025
O Consello da Cultura Galega segue a celebrar as Letras Galegas na Rede con múltiples recursos. Este luns 12 de maio presentou a guía docente Axudádeme a cantar, coordinada por Renée de Palma. Trátase dun documento que pretende servir de punto de encontro entre os saberes populares e tradicionais cos académicos ao tempo que “visibiliza o papel central das mulleres no patrimonio musical e literario de Galicia”.
O documento, dispoñible na web do CCG en formato dixital (para a súa descarga), está orientado ao terceiro ciclo de educación primaria e é extensible a outros niveis. Trátase, informou o CCG, dun produto complementario da serie audovisual homónima elaborada polo CCG que percorre en seis capítulos a historia e presente deste tipo de literatura oral, sostido por mulleres, que non aprenderon en ningunha escola e que son as grandes esquecidas da cultura tradicional oral.
Renée de Palma coordinou un equipo de traballo multidisciplinar no que participaron Beatriz Busto, Carme Campo, María Jesús Caramés, Xaime Estévez, Cristina López Villar, Marta Otero, Santiago Quiroga e Carolina Vázquez Castro. A guía, maquetada por Raquel Boo, conta con orientacións metodolóxicas e curriculares que facilitan a súa implantación nas aulas.
A proposta didáctica Organizamos unha foliada na escola inclúe sete pasos para un achegamento pedagóxico. O primeiro, titulado Saber o que é pretende facer un percorrido histórico sobre a morea de nomes (ruadas, foliadas, seráns, repichocas, polavilas..) que hai detrás deste fenómeno. O segundo paso Crear comunidade busca identificar o que os escolares saber sobre as tradicións galegas e o mundo festeiro. O terceiro paso, Planificar o baile comunal, achégase ás expresións do xogo de palmas, a danza en función do ritmo e como se crea o baile que acompaña tratamos o baile cun enfoque crítico canto á reprodución do folclore e, sobre todo, dende a perspectiva de xénero. No cuarto paso, Buscar melodías, indágase nas melodías tradicionais co enfoque posto na maneira en que artistas contemporáneos compoñen pezas coa música tradicional como eixe e as actualizan. O quinto paso, Compilar coplas, pretende ensinar á mocidade o efecto que a emigración tivo sobre estas tradicións e anima buscar coplas nos cancioneiros. Os instrumentos centran o sexto paso, no que se fala do legón, do pandeiro, da lata… e mesmo do corpo como instrumento. A celebración da foliada é o último paso desta guía docente que inclúe no anexo as partituras da Xota de Liñares (Avión, Ourense) e a Xota máis o Agarrado de Teaio (ambas as dúas de Dodro, A Coruña).
Unha serie documental en seis capítulos
A guía docente está vencellada á webserie documental homónima que o CCG elaborou en 2023. Dirixida por Carme López, Renée de Palma e Xulia Feixoo achegábase ao pasado e ao presente deste tipo de literatura oral, no que hai tocadoras tradicionais, que non aprenderon en ningunha escola ou asociación, senón pola forma tradicional; participantes en procesos de recollida e divulgación; e tamén artistas modernas que beben das fontes desta tradición, que falan das súas experiencias e comparten a súa arte.