Dispoñíbel para Android unha aplicación móbil que facilita o día a día laboral das persoas con autismo

venres, 17 de xullo do 2020 S. P.

A accesibilidade tecnolóxica expándese e as investigadoras e investigadores son en parte responsábeis deste proceso. Por exemplo os integrantes do Grupo de Tecnoloxías da Información da UVIgo (Centro atlanTTic, Campus de Vigo), que veñen de poñer a disposición dos usuarios de dispositivos móbiles Android a ferramenta TalkAACtive, destinada a romper as barreiras, comunicativas e tamén sociais, que a sociedade pon arredor das persoas con trastorno autista. En concreto, diríxese a subministrar a este colectivo unha aplicación que lles permita, no ámbito laboral, practicar e autoavaliar a súa fala e escritura mediante pictogramas, e todo isto grazas a un sistema de xeración de linguaxe natural.
A iniciativa foi seleccionada (xunto a outros dos proxectos das universidades de Salamanca e Málaga) na segunda convocatoria de axudas a proxectos de investigación aplicada ao desenvolvemento de tecnoloxías accesíbeis, lanzada pola empresa Indra e a Fundación Universia. O impulso acadado pola ferramenta foi posíbel, precisamente, grazas ao financiamento achegado polas entidades Indra e Universia, que seleccionaron este proxecto, entre máis de 70 presentados por diferentes universidades españolas, como un dos tres traballos gañadores da dita convocatoria.
Dispoñíbel a través da tenda de Google Play, a aplicación desenvolvida polo equipo vigués permite que calquera persoa que teña dificultades de comunicación, xa sexa Transtornos do Espectro Autista (TEA) ou calquera outra dificultade (afasia, disartria, dislalia…) practiquen e/ou autoavalíen a súa fala ou escritura mediante pictogramas, grazas a un innovador sistema de xeración de linguaxe natural de concepción propia e facilmente adaptábel a calquera contorna laboral. Xunto a isto, a app ten tamén a capacidade de funcionar coma un comunicador pictográfico para facilitar o proceso de aprendizaxe (comunicación, práctica de escritura e práctica de fala) a través dunha única aplicación.
O Grupo de Tecnoloxías da Información, que grazas á súa inclusión na dita convocatoria recibiu 24.000 euros para o desenvolvemento do proxecto, está formado por Enrique Costa, Milagros Fernández, Silvia García e Jonathan Juncal e o director do mesmo, Javier González Castaño.
Para o impulso da ferramenta móbil, o equipo de atlanTTic contou coa colaboración das asociacións Teavi e Autismo Ourense, con cuxos usuarias e usuarias puideron probar a aplicación e darlle forma.
A elección de TalkAACtive na dita convocatoria non é o primeiro recoñecemento que recibe o traballo do Grupo de Tecnoloxías da Información no ámbito da comunicación de pictogramas e xeración del linguaxe natural. Dentro do proxecto Accegal teñen publicadas varias aplicacións de comunicacións con pictogramas e unha das liñas de traballo do grupo é a xeración de linguaxe natural.

PUBLICIDADE