Dispoñíbel un novo capítulo de Raíña-Me! con Amoebo
venres, 5 de xullo do 2024
Brava.gal vén de achegar un novo capítulo de Raíña-Me! dispoñíbel na plataforma de Agalega.gal, o programa de Cristela Torres Nine, na que a presentadora (Raíña Nai) converte a persoa convidada en drag queen ao longo dun proceso no que se fan probas e retos para coñecer a fondo as reviravoltas máis divertidas do mundo drag e coñecer o entrevistado como non se fixera antes...
Nesta terceira entrega do programa de verán da Televisión de Galicia, Alexa Evans vén acompañada do cantante Amoebo, que proporá coa súa presenza un novo perfil, un novo reto e poida que tamén “unha nova estrela das pasarelas”, sinalan dende o equipo de Brava.gal.
Amoebo entra no Odragoiro de Raíña-Me! para falar sobre o nacemento do seu nome artístico, a procura de montar verbenas nos seus espectáculos e o seu último cambio de estilo no ámbito musical. O cantante é o terceiro valente que asume o reto de subirse a uns tacóns e converterse na mellor das drag-queens que pasaron por Raíña-Me!
Ademais de ter un novo programa cada semana na plataforma AGalega, tamén están dispoñíbeis contidos extras para coñecer máis dos convidadxs que pasan por Raíña-me! nas redes da produtora do formato, Brava, formada por un equipo de talento novo galego.
Amoebo, despois de pasar por Raíña-me! seguirá poñendo a bailar a toda Galicia, pasando polo Atlantic Pride, os Atardeceres no Gaiás e moitas máis datas este verán no que está conseguindo levar a súa “reconstrución da verbena galega”, como el di, por cada recuncho do país, cunha proposta de música urbana que se alimenta de ritmos latinos e do pop dos 80 que segue sumando éxitos e público en cada concerto.