Dispoñible para os internautas o OpenOffice 2.2 en galego

mércores, 16 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

Na plataforma mancomun.org (mantida pola Consellería de Innovación e pola comunidade de usuarios e deseñadores de software libre en Galiza) xa está dispoñible a suite OpenOffice.org 2.2 cen por cen traducida ó galego. Podémola descargar para GNU/Linux, Windows e Mac OS (para Power PC ou para Intel). Asemade, é posible acceder ó programa a través da imaxe ISO do CD que inclúe OpenOffice para todas as plataformas ou as versións anteriores de OpenOffice.org desde a 2.0.
Segundo informa o obradoiro mancomun.org, a edición 2.2 do paquete ofimático de código aberto non contén por defecto o corrector ortográfico, polo que será preciso facerse co ficheiro gl_ES-pack.zip. Unha vez que o teñamos, poderemos engadir o dicionario (que inclúe por certo unha serie de melloras desenvolvidas polo propio equipoi de mancomun.org) na opción Ficheiro>Asistentes>Instalar novos dicionarios.
Polo que respecta ás melloras con respecto a anteriores versións, podemos dicir que hai varias e que unha das máis salientables ten que ver co mellor acabado das fontes en pantalla, posible grazas á activación por defecto do kerning, un sistema que acada un perfeccionamento na aparencia das fontes proporcionais, nas que non todas as letras teñen a mesma envergadura.
Asemade, as aplicacións individuais tamén foron obxecto de traballo. Por exemplo: en Calc mellorouse o soporte de ficheiros de Excel ó terse engadido as táboas pivote e máis funcións trigonométricas especializadas. Ademais, en Base perfeccionouse a edición de consultas SQL.

PUBLICIDADE